SanidadeÚltima hora

Os colectivos e administracións levan a debate o botellón en Ourense

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, asegurou que a solución pasa pola “concienciación social”

A delegación da Xunta en Ourense acolleu hoxe, 14 de decembro, o seminario titulado “Solucións concretas aos problemas do botellón”. Nel interviron profesionais dos servizos sociais, sanidade e condutas aditivas, seguridade, educación, psicoloxía e socioloxía, xunto a representantes da administración municipal, autonómica e estatal, así como representantes de colectivos xuvenís.

A anfitrioa do evento, a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz, lembrou as “altas taxas de consumo de alcol, que constitúen un problema sanitario de primeira magnitude na sociedade actual” con importantes causas do tipo psicolóxico e social. Díaz Mouteira recalcou que este caso toma maior importancia cando se trata “da xuventude”.
O relatorio de apertura, no que se abordou a situación actual no contexto nacional e internacional desta problemática, correrá a cargo de Patricia Santa Olalla, técnico do Plan Nacional sobre Drogas. Que sinalou que hai “un incremento salientable no consumo de alcol entre o público feminino”. Tamén lembrou que hai estudos que demostran que os efectos do alcol son maiores entre as mulleres. Asemade, falou da cultura do alcol nos países europeos “que ao seres países desenvolvidos teñen o alcol moi presente”.

Outro dos intervintes foi o presidente da Fegamp e alcalde do Barco de Valdeorras, Alfredo García, que falou do que poden facer as administracións locais ante o problema do botellón, asegurando que o problema radica en institucións superiores.

Durante toda a xornada sucedéronse diferentes relatorios e mesas redondas nas que se falou das diferentes medidas que se están adoptando para radicar o botellón e evitar o consumo de alcol entre a xuventude.

O encargado de pechar o acto foi o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, que asegurou que o botellón “é un dos grandes problemas que temos na sociedade civilizada”. Almuiña asegurou que a solución pasa “pola concienciación social”. O conselleiro reiterou que a súa visión do futuro “é optimista” e que seguirán traballando en actividades para lograr reducir o consumo de alcol entre a poboación, comezando cos máis mozos coa “incorporación dunha materia de Educación Para a Saúde” nos currículos escolares galegos.

Fotos: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button