CulturaEducaciónGalerías de fotosÚltima hora

Os cuartos da Residencia Universitaria de Ourense volven acoller estudantes

O centro leva aberto dende o 16 de xaneiro, tras case dous anos e medio pechado para acometer varias obras de urbanización e así recuperar a licenza de apertura

O Campus de Ourense xa conta de novo, dende o pasado 16 de xaneiro, cunha residencia para acoller aos seus estudantes. Esta mañá, o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez e o vicerreitor do Campus, Virxilio Rodríguez fixeron un percorrido polas instalacións canda a conselleira delegada da empresa concesionaria Resa, xestora das residencia, Mónica Garay.

O centro estivo pechado case dous anos e medio para acometer as obras de urbanización necesarias para que puidese obter de novo a licenza de apertura. Tanto o rexedor municipal, coma o Vicerreitor e a representante de Resa coincidiron no dificultoso que foi o proceso de reapertura, e que agora están contentos de que se resolvese o problema e que a Residencia Universitaria volva a estar de novo en funcionamento. Jesús Vázquez salientou que esta instalación “é un servizo necesario para a comunidade universitaria e é esencial para un campus que está crecendo”. Vázquez Abad sinalou que asemade é beneficioso para a economía da cidade xa que xera “oito postos de traballo, entre directos e indirectos”. Pola súa banda, o vicerreito, Virxilio Rodríguez, dixo o seguinte desta reapertura: “a residencia é un servizo fundamental para o noso campus, polo que estamos moi satisfeitos por volver a contar con ela”.

A Residencia Universitaria As Burgas conta con 133 habitacións individuais e 65 individuais con cociña compartida. Asemade, o centro dispón de 6 habitacións dobres con cociña incorporada que abrirán no caso de necesitar máis prazas. Dende Resa apuntan que todas as habitacións están equipadas con mobiliario, son exteriores e teñen baño propio, cociña e conexión á internet. Entre as vantaxes que ten a Residencia das Burgas, subliñou Mónica Garay, están a “ubicación excepcional” e apuntou que “é un sitio fantástico para pasar os anos universitarios”. Ademais, os inquilinos poden usar os espazos comúns, como salas de estudo, televisión, ximnasio e lavandería, e os servizos como aparcadoiro ou limpeza de habitacións.

En canto ao prezo da estancia, como oferta de reapertura, a residencia dá a oportunidade de alugar unha habitación individual de xaneiro a xuño por 196,80 euros ao mes, fronte ao custe estándar de 328 euros mensuais. Nestes momentos hai 26 inquilinos entre os cales hai estudantes estranxeiros de Portugal, Vietnam ou México.

Artigos relacionados

Back to top button