CulturaCulturaÚltima hora

“Os días afogados” estrearase en Verín no marco da II edición do FIC Vía XIV

O Festival Internacional de Curtas desenvolverase do 1 ao 10 de decembro na capital do Támega
Participantes no foro sobre o Entroido na I edición do FIC Vía XIV de Verín.

A organización do FIC Vía XIV que se celebrará entre o 1 e o 10 de decembro en Verín, segue avanzando datos da programación paralela da II edición, que incluirá ponencias, debates, obradoiros, ciclos de cinema e varias retrospectivas temáticas, co obxectivo de “achegar a cultura do cinema aos habitantes de Verín e aos visitantes”, destaca Carlos Montero, director do certame.

Entroido, Fronteira e Emigración son os eixos vertebradores do Festival e tamén os conceptos sobre os que se articulan iniciativas como o “Foco Juan Soto”, que permitirá revisar a obra deste director colombiano que se desprazará ata Verín. O Entroido centrará tamén o visionado do documental Estrano por fóra, salvaxe por dentro, de Pedro G. Losada e Miguel Losada, un traballo que tenta transmitir unha mirada desmesurada dos participantes no entroido que, como oficiantes dun vello rito presidido por verdadeiros demiúrgos, aspiran a ser os motores do mundo.

Na xornada do 4 de decembro, o equipo de rodaxe do documental Terra de leite e mel impartirá unha clase maxistral na que se abordará a problemática de construír unha obra cinematográfica cun estilo e unha estética propias, tratando unha realidade tan delicada como os desprazamentos humanos provocados por conflitos bélicos. Gonzalo Recio, Carlos Mora e Héctor Domínguez, autores do documental, participarán nesta iniciativa e o debate posterior ao visionado do documental será moderado polo xornalista verinés Rafael Cid.

A II edición do FIC Vía XIV rendirá homenaxe tamén ao Mestrado de Documental Creativo da Universidade Autónoma de Barcelona, cando se cumpren 20 anos da súa creación. En Verín poderanse visionar algúns dos traballos máis representativos xurdidos ao abeiro deste Mestrado e o seu coodinador, Jorge Tur, estará na vila do Támega para participar nesta actividade retrospectiva. Adicionalmente, o FIC acollerá, na xornada do 6 de decembro, unha mesa redonda baixo o título “Cine, Festivais e Universidade”, que pretende “por en valor os principais certames e encontros cinematográficos que se realizan no ámbito académico”, explican dende Verín.

O foro cinematográfico de Verín, conmemorará ademais o 25 aniversario de Curtas Vila do Conde cun programa retrospectivo do mellor cinema luso de vangarda, presentado polos directores do certame. Xunto a isto, acollerá a presentación de Visións, un proxecto impulsado e coordinado por Xisela Franco e Beli Martínez para visibilizar ás cineastas da provincia de Pontevedra. Asemade, tras mostrarse en decenas de festivais internacionais e gañar premios por todo o mundo, Os días afogados, unha historia de fronteira e de loita cívica que ten lugar nas aldeas de Aceredo e Buscalque na “raia seca”, estrearase en Verín.

Finalmente, os días 4 e 5 de decembro, durante a mañá, o festival promoverá, xunto aos centros educativos de Verín, proxeccións e obradoiros para os cativos.

 

Artigos relacionados

Back to top button