Galerías de fotosSanidadeÚltima hora

Os escolares de Barbadás aprenden a salvar vidas coas súas mans

Case cen rapaces participaron nunha actividade con motivo do Día Europeo da Concienciación da Parada Cardíaca onde aprenderon a realizar a reanimación cardiopulmonar

O polideportivo municipal de Barbadás acolleu onte, 16 de outubro, unha actividade para concienciar aos escolares sobre a importancia de actuar con prudencia ante unha parada cardíaca. Esta iniciativa está enmarcada dentro do Día Europeo da Concienciación da Parada Cardíaca e estivo organizada pola Concellería de Educación de Barbadás.

Baixo o lema “As túas mans salvan vidas” un total de 80 escolares participaron na actividade na que obtiveron coñecementos sobre a manobra de atención cardiorrespiratoria, coñeceron como é unha ambulancia por dentro e participaron nun simulacro de emerxencia. Despois das explicacións de soporte vital básico, tiveron a oportunidade de practicar a reanimación cardiorrespiratoria en bonecos.

Nesta actividade colaboraron Marga Méndez Lage, coordinadora/formadora de xestores da Central 061 de Galicia, os voluntarios de Protección Civil de Barbadás e a Ambulancia asistencial de Protección Civil de Cambados.

A titular de Educación do Concello, Marga Pérez, explicou a importancia de que o alumnado coñeza “como funciona un desfibrilador, unha ambulancia de emerxencia ou os vehículos utilizados por Protección Civil de Barbadás”.

Artigos relacionados

Back to top button