Galerías de fotosOurenseÚltima hora

Os escolares ourensáns levan ao Pleno temas de Educación e reclaman máis participación

Os máis cativos celebraron un Pleno Infantil no Concello de Ourense con motivo do Día Universal do Neno

Con motivo da celebración hoxe, 20 de novembro, do Día Universal do Neno, o Salón de Plenos do Concello de Ourense acolleu unha sesión na que os máis pequenos foron os protagonistas. Cada un sentou nun dos escanos do salón e todos trasladaron as súas propostas e as súas preguntas ao alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, e ás concelleiras de Cultura e Educación, Belén Iglesias e Sofía Godoy, respectivamente, así como a presidenta de UNICEF en Galicia, Myriam Garabito. Que anunciou que Ourense está a piques de converterse en cidade amiga da infancia.

Estes pequenos concelleiros son dos centros Padre Feijóo Zorelle e As Mercedes. En canto ás preocupacións que lle trasladaron aos edís, estaban temas respectivos a Edutación, Sanidade, Infancia ou Participación Cidadá.

Asemade, en canto ás propostas que lle trasladaron os cativos. Xoel e Estela propuxeron crear unha biblioteca de xoguetes para que os nenos “poidan xogar entre eles, interactuar e así mellorar o rendemento escolar”. Pola súa banda, o rexedor municipal dixo que “o mellor xoguete é un libro”, recomendando aos rapaces que lesen “máis aló do que lle mandan no colexio”.

Por outra banda, Hiba, do Padre Feijóo Zorelle, reclamou o dereito á participación dos rapaces, pedindo seres escoitados e “non nos mandedes calar cando nós falemos”. Asemade, outros compañeiros reclamaron máis participación na infancia na vida política e, neste eido, Jesús Vázquez asegurou que no departamento de Participación Cidadá incorporarase un buzón de suxerencias para nenos, e tamén crearán un blog con contido de interese para a infancia así como contido creado polos propios escolares.

En materia sanitaria, os rapaces amosaron a súa preocupación polo consumo de alcol nos máis mozos. De feito un dos rapaces das Mercedes, Álex, propuxo prohibir as bebidas alcólicas tamén aos adultos. Algo que foi recibido cunha risa entre os adultos presentes na sala.

Así é todo, aos escolares alí presentes preocupáballes moito o dereito á Educación dos rapaces no mundo, asegurando que o Estado debería de empregar máis fondos na educación pública e que todos os colexios deberían de ser públicos e non concertados.

Fotos e texto: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button