OurenseÚltima hora

Os fillos da emigración gozan do camiño de Santiago en Ourense

Estes rapaces viñeron a Galicia grazas a un programa da Xunta chamado “Conecta Galicia” que busca fortalecer as ligazóns entre os participantes e a súa orixe galega
Foto de grupo antes de iniciar o Camiño. // Foto: Carlos Asensio.

Os mozos e mozas do programa “Conecta con Galicia” reuníronse hoxe, 21 de xullo, diante do Concello de Ourense para iniciar a súa andaina pola Ruta da Prata ou Mozárabe. Este programa, impulsado pola Xunta, está dirixido aos mozos de orixe galega ou descendentes de galegos que residen no exterior. Así, o obxectivo deste programa é fortalecer as ligazóns entre os participantes e a súa propia orixe. Incluso moitos deles é a primeira vez que poden coñecer aos seus familiares galegos fisicamente.

Na edición deste ano están a participar un total de 177 mozos, procedentes de países como Arxentina, Uruguai, Venezuela, Cuba, Brasil, México ou Chile. Este programa artéllase ao redor de dúas modalidades, a primeira, na que participan estes 157 mozos que viñeron a Ourense entre 15 e 20 anos, consiste en actividades ao aire libre e tamén compartirán con mozos residentes en Galicia as residencias e albergues xuvenís dependentes da Xunta durante o mes de xullo. A segunda consiste nos campos de traballo voluntario, que terán lugar entre o 18 e o 30 de agosto.

Dous participantes neste programa que falaron con este xornal aseguraron que esta convivencia “serve para coñecer máis a situación do seu país”. Concretamente cos participantes venezolanos: “Agora sabemos cal é a verdadeira situación do seu país e o mal que o están a pasar”, dixeron. Asemade, unha moza venezolana de orixe viguesa reiterou que “o mellor deste programa é que a Xunta púxome en contacto coa terra dos meus ‘yayos’ e podo facer amigos”.

Un grupo de participantes venezolanos quixeron facerse unha foto coas personalidades políticas. // Foto: Carlos Asensio.

A este encontro na Praza Maior tamén asistiron diferentes personalidades como o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, que salientou que iniciativas como esta “é facer Galicia máis aló das nosas fronteiras”. O rexedor municipal amosou a súa ledicia por teres que recibir a estes rapaces na cidade e convidounos a que o ano que vén volvesen á capital das Burgas.

Canda Vázquez estivo o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, que dende o executivo galego “debemos dar esta oportunidade de coñecer todo o que lle contan os seus pais e avós sobre as súas orixes, xa que paga a pena manter esa ligazón coa terra”. Asemade, amosouse contento de “ver como gozan da nosa terra, xa que moitos se sente case máis galegos ca nacionais do seu país tras esta experiencia”. Tamén estiveron cos rapaces o subdelegado do Goberno en Ourense, Roberto Castro; o secretario xeral de Emigración, Antonio Rodríguez ; a delegada da Xunta en Ourense, Marisol Díaz; e o vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández.

Está claro que, cando remate o verán, estes galegos emigrados ou de orixe levarán consigo unha chea de novos amigos e historias na terra que deu orixe as súas familias.

Os participantes e as personalidades interactuaron un bo rato. // Foto: Carlos Asensio.

 

Texto: Carlos Asensio.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button