OurenseÚltima hora

Os floristas ourensáns preparan unha exposición de grandes estruturas de arte floral

 

Beatriz Gómez, Inés Lagem e Jesús de Dios. 

A Asociación de Floristas de Ourense e provincia (Afor), prepara unha acción formativa especial que terá como broche de ouro final o Día do Florista. Serán catro xornadas coas flores e a creatividade como protagonistas. En concreto, participarán nun curso de “Arte Floral para Grandes Estruturas”, da man de Soraya Rojo, campioa da Copa de España de Interflora.

Inés Lagem e Jesús de Dios, presidenta e vicepresidente da asociación, estiveron canda a Beatriz Gómez, a súa homóloga na Federación de Comercio, na presentación de hoxe, 28 de marzo, para explicar os detalles da cita. Os días 6, 7 e 8 de abril, o Liceo acollerá a celebración deste curso, para logo facer a exposición, no patio central do edificio, con todos os traballos realizados. A mostra será inaugurada o sábado 8 de abril ás 19:00 horas.

Ademais de flores, estes profesionais utilizan todo tipo de materiais e ferramentas para construír as estruturas que soportarán o deseño final. Ese mesmo día tamén repartirán flores á entrada do Liceo para invitar á exposición; a entrada será libre e poderanse admirar as creacións durante os catro días posteriores.

O domingo, 9 de abril, tamén no Liceo, o gremio de floristas unirase de novo, esta vez ao redor dun xantar, pare pechar estas xornadas de exaltación do seu traballo e colectivo.

Reivindicar a profesión

Con esta iniciativa, os floristas queren chamar a atención sobre o seu traballo e diferencialo da simple compra nas grandes superficies onde o produto non é tratado axeitadamente, din, non asesoran sobre coidados ou non poñen atención aos detalles. Esta formación lles permite ademais especializarse para poder contrarrestar os efectos das vendas en grandes áreas e bazares “que tanto nos prexudican”, sinalan dende a Asociación. Segundo o vicepresidente, Jesús de Dios, o houbo até un 70% de descenso na venda en datas puntuais.

A asociación quere concienciar á xente de que eles ofertan “creatividade, calidade, deseño, consello, e que garanten a conservación e tratamento da flor nos seus establecementos. En definitiva, a formación con Soraya Rojo da arte floral “é unha oportunidade única que os socios teñen de facelo sen saíres da cidade”, segundo a presidenta, lles permite dar un paso máis na especialización que precisa o sector “tan ameazado como este”, que só pretende que a profesión subsista respectada.

Artigos relacionados

Back to top button