CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

Os gañadores do concurso “Chefs saudables” visitan o Parlamento e a Escola de Hostelería

Os escolares ourensáns aprenderon, como premio, receitas saudables e foron recibidos no Parlamento de Galicia polo propio presidente, Miguel Ángel Santalices

O alumnado dos CEIP Sarreaus, da comarca da Limia, e Mariñamansa, de Ourense, o CEIP Eulogio Gómez Franqueira de San Amaro; e do CEIP Virxe Pena da Sela, do Irixo o Centro Superior de Hostelería de Galicia (CSHG) en Santiago como premio por gañar o certame “Chefs saudables”. Durante a xornada, coñeceron xunto aos profesionais do Centro bos hábitos de alimentación e a importancia que esta ten para o seu crecemento.

Da man do profesor de pastelería do CSHG Aitor Maiora, que elaborou diante eles unha serie de receitas sinxelas, saborosas e saudables, os cativos aprenderon a preparar doces e recibiron información sobre os nutrientes que deben incluír na súa dieta diaria.

Acompañados dos seus profesores, os nenos premiados gozaron dun pequeno almorzo antes de entrar en faena na aula de repostería, unha actividade que perseguiu sensibilizalos e xerar neles costumes saudables, en liña co citado concurso no que participaron máis de 30 colexios e 2.700 nenos de Educación Infantil e Primaria da provincia de Ourense.

A receita gañadora foi a do CEIP Eulogio Gómez Franqueira de San Amaro, consistente en salmón en papillote gornecido con patacas e corazóns de leituga primaverais. Tres colexios recibiron accésits. Foron o CEIP Virxe Pena da Sela, do Irixo, polos seus aguacates recheos de atún, bocados de pavo e mazá e sorbete de sandía; o CEIP Sarreaus, polos seus xeados saudables; e o CEIP Mariñamansa da capital ourensá, pola súa Flor de Primavera.

Estes alumnos tamén aproveitaron a ocasión para visitar o Parlamento de Galicia. O alumnado foi felicitado polo presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices, e polo conselleiro de Sanidade da Xunta, Jesús Vázquez Almuíña.

O presidente do Parlamento tamén felicitou á Consellería por esta iniciativa de promoción dos hábitos de vida saudables entre os máis novos. Lembrou que “comer san é o mellor para a saúde” e considerou que os participantes neste concurso constitúen un “exemplo” para os adultos. O presidente do Parlamento tivo tamén palabras de recoñecemento para o profesorado.

Artigos relacionados

Back to top button