SanidadeÚltima hora

Os hospitais ourensáns aumentaron a actividade cirúrxica nun 2,5% nun ano

En concreto, pasouse de 9.627 intervencións no primeiro semestre do 2016 a 9.874 no mesmo período deste ano
O CHUO ten un tempo medio de agarda para unha operación “prioridade 1 ” de 8,4 días. 4

A Xerencia de Xestión Integrada de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras realizou un total de 6.000 consultas máis, segundo achegan os datos a 30 de xuño de 2017, e mantén o ratio de actividade cirúrxica nos seus hospitais cun total de 13.014 intervencións durante os primeiros seis meses do ano “o que supón un total de 7,5 cirurxías ao día nos hospitais da provincia”, apuntan fontes sanitarias.

En concreto, dentro da actividade cirúrxica, neste primeiro semestre apuntan un incremento de actividade ordinaria en todos os hospitais da EOXI, cun total de 247 operacións máis que no mesmo período do 2016. Concretamente pasouse de 9.627 a 9.874, é dicir, un incremento do 2,5%. Todo isto tradúcese en que a EOXI de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras mantén os resultados de espera media nas patoloxías de “prioridade 1” (cancro, cardiopatías, enfermidades neurolóxicas, respiratorias…) en tan só 8,4 días, fronte aos 15 días de espera no SERGAS. En canto aos de “prioridade 2”, aqueles nos que está indicado o seu procedemento cirúrxico en menos de tres meses tras o diagnóstico, a espera media na provincia é de 45,1 días. Finalmente, nas cirurxías menores ou ambulatorias, pasaron de 2.078 procedementos en 2016 a 2.180 no primeiro semestre de 2017.

Datos da actividade cirúrxica na EOXI ourensá. // Fonte: Sergas.

No eido das consultas, os datos marcan que neste primeiro semestre que o número de consultas co especialista foi de 319.249 fronte ás 313.471 do ano anterior “o que supón un incremento total de 5.778 consultas”. Dende a EOXI recalcaron que o CHUO foi o que acadou mellores resultados entre os grandes hospitais en canto a accesibilidade dos ourensáns ás consultas, con 28,2 días, sendo a media do SERGAS de 38,3 días.

No campo das Urxencias, durante o primeiro semestre do 2017 o número de atencións dos hospitais da EOXI diminuíron, pasando das 61.367 do pasado ano ás 60.515 deste período, segundo os datos achegados pola Xerencia. Tamén houbo un pequeno descenso nas atencións nos PACs da provincia pasando das 93.172 atencións de 2016 ás 92.897 deste primeiro semestre.

Polo tanto no total da EOXI as atencións urxentes durante o primeiro semestre de 2017 foron de 153.412 o que supón unha media de 843 atencións urxentes diarias nos distintos dispositivos asistenciais urxentes de toda a provincia.

Na Atención Primaria, neste período do 2017 realzáronse un total de 1.725.511 consultas, “o que supón 19,4 consultas máis ca no ano anterior”, din. Destas consultas 936.056 foron realizadas polos médicos de familia, 573.429 polo persoal de enfermaría, 101.072 de pediatría, 51.158 de fisioterapia, 27.272 de odontoloxía, 12.550 de matrona, 9.028 de traballo social, 8.289 de farmacia ou 6.016 de hixienista dental.

Datos da actividade da Atención Primaria da EOXI ourensá. // Fonte: Sergas.3

No que atinxe ás probas diagnósticas máis habituais, dende a EOXI sinalan que se experimentou un crecemento en máis de 2.000 probas de radiodiagnóstico convencional acadando 120.537 no primeiro semestre deste ano fronte ás 118.413 do ano pasado. Asemade houbo un incremento no volume dos procedementos endoscópicos, TAC e ecografías. Tamén cumpre subliñar o importante desenvolvemento acadado pola Telemedicina nestes oito anos desde a súa implantación na EOXI de Ourense e que neste primeiro semestre de 2017 fixéronse 3.690 consultas telemáticas.

 

Artigos relacionados

Back to top button