SanidadeÚltima hora

Os lentes rosas toman o comercio ourensán para axudar ao cancro de mama

Con motivo da celebración, o 19 de outubro, do Día Mundial do Cancro de Mama, a Asociación Española Contra o Cancro instalará mesas informativas en diferentes puntos da provincia
Isidora Gómez, Luís Rivera e Beatriz Salas. // Foto: Carlos Asensio.

Ao ano prodúcense máis de 200 casos novos de cancro de mama na provincia. A nivel nacional, en 2015 rexistráronse 26.282 casos, 1.067 máis ca os últimos datos de 2012. Así o contou hoxe, 18 de outubro, a psicooncóloga da sección ourensá da Asociación Española Contra o Cancro (AECC-Ourense), Beatriz Salas, na presentación das iniciativas do Día Mundial do Cancro de Mama que se celebra mañá xoves, 19 de outubro. A pesares destas cifras, a taxa de recuperación desta doenza é do 90%.

Con motivo desta celebración, AECC-Ourense distribuirá polos 200 establecementos asociados ao Centro Comercial Aberto Ourense Centro un total de 800 pares de lentes rosas. Segundo dixo a presidenta da asociación en Ourense, María Isidora Gómez, “estes lentes son moi poñibles tanto para homes como para mulleres” e representan o apoio a este mal. O custo dos mesmos é de cinco euros.

Baixo o lema “Se loitas contra o cancro, tesnos aquí” a Asociación Española Contra o Cancro tamén vai instalar mañá unha carpa informativa na rúa do Paseo de Ourense de 11:30 a 13:30 horas e de 17:00 a 20:00 horas “e tamén estaremos en distintas localidades da provincia como Ribadavia, O Carballiño, O Barco de Valdeorras, A Rúa e Petín”, dixo a presidenta.

“Esperemos que haxa máis demanda que oferta destes lentes como todos os anos”. Así iniciou a súa intervención o presidente do Centro Comercial Aberto Ourense Centro, Luis Rivera, desexando todos os éxitos posibles para esta campaña.

Pero os lentes tamén se poden adquirir por internet, a través da páxina sumatealrosa.com

María Isidora Gómez explicou que todo o recadado vai ser destinado para continuar coa actividade da asociación xa que “o importante nesta enfermidade é a prevención, información e a concienciación”. Neste eido, a psicooncóloga da AECC, Beatriz Salas, falou do programa “Moito X Vivir”, que consiste nun plan de apoio integral á muller diagnosticada de cancro de mama “e á súa familia”. Neste programa “ofréceselles apoio psicolóxico, a busca de programas de apoio das administacións ou a recomendación de hábitos de vida saudable”, entre outras cousas, explicou a profesional.

Asemade, esta sección da AECC ten un banco de préstamo perrucas, que puxeron en marcha o pasado ano, “e está a ter moi boa acollida”, comentou Beatriz Salas. Este banco creouse para axudar ás socias que padecen os efectos secundarios da caída de cabelo durante o tratamento “xa que moitas veces pode supor un desembolso de 1.000 euros por parte da paciente, e iso é moito posto que polas baixas laborais prodúcese unha merma considerable nos ingresos”, dixo a profesional.

Asemade, a Asociación Española Contra o Cancro ten abertos, a día de hoxe, 16 proxectos

Texto: Carlos Asensio.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button