En portadaGalerías de fotos

Os Maios vencen á chuvia no Barco

A praza do Concello do Barco tinguíase de cor con preto de dez esculturas vexetais

A tradición impoñíase ao mal tempo. Multitude de persoas congregábanse na mañá do 1 de maio na praza do Concello barquense para celebrar a primavera e renderlle culto á vexetación. A Festa dos Maios é unha antiga festa que pervive aínda nesta localidade valdeorresa e que está presidida por fermosas e rechamantes esculturas vexetais que engalaban a praza a partires das once da mañá. Eran preto de dez as realizadas nesta edición e que participaban nun concurso con dúas categorías: artística e enxebre.

Os resultados do certame facíanse públicos a partires das unha e media da tarde, sendo os ganadores o Maio do ANPA do Colexio Divina Pastora na modalidade enxebre e o da Guardería Los Juglares, na de artístico. Ademais o público podía tamén votar ao seu Maio favorito a través do “Voto Aberto”, onde o máis valorado foi asemade o da ANPA do Divina Pastora. O concurso incluía a maiores a modalidade de cestas, elaboradas polos cativos, na que todos oa participantes recibían agasallos.

A mañá estivo ademais animada polo recitado das coplas, cun marcado ton satírico e nas que eran continuas as referencias ás vindeiras eleccións municipais, á situación económica do país ou alusións á chegada da primavera. A ambientación musical poñíana os membros do grupo de música tradicional Abertal.

Esta celebración, que vén promovendo con éxito dende hai varios anos O Barco Centro Comercial Aberto en colaboración co Concello, tiña tamén como marco unha mostra de artesanía que desta volta, por mor da meteoroloxía, se trasladaba a pavillón vello do Barco. Nela había numerosos postos de obxectos artesás, produtos agroalimentarios e mesmo de libros. E ademais na festa non faltaba tampouco un posto de polbo á feira.

Texto e fotos: Ángeles Rodríguez
Máis información na vindeira edición en papel do Periódico O Sil

Artigos relacionados

Back to top button