CulturaCulturaSen categorizarÚltima hora

Os peixes de Lola Doporto, do Barco a Ribeira

Esta pintora valdeorresa exporá ao longo do mes de agosto nesta localidade coruñesa
A pintora Lola Doporto, natural de Millarouso (O Barco), pintando no seu estudo.
A pintora Lola Doporto, natural de Millarouso (O Barco), pintando no seu estudo.

Inquietude, curiosidade, angustia, enfado, bondade, burla… As marionetas que poboan os cadros de Lola Doporto atrapan coa súa mirada ao espectador e envólveno nun remuíño de sensacións. Semellan tan vivas que están a piques de saírse do lenzo. “Interésanme moito as miradas, con elas busco transmitir sentimentos, non só meus, senón dun montón de xente. Non quero un cadro dunha marioneta inerte, senón que a vexan con vida”, conta esta creadora de Millarouso (O Barco), cuxa obra podía contemplarse en xuño nos escaparates da céntrica tenda barquense Miranda Moda X, convertida nunha singular sala de exposición no marco do proxecto “Mirarte”.

Esta é a segunda mostra de Doporto, pero a primeira no seu concello natal. Nela desprega unha pintura intensa, de gran forza e contraste cromático, con toques case expresionistas. Son once cadros que contan unha “Historia de Mar e Marionetas” na que Doporto, que pinta dende a adolescencia, se reencontraba coa arte.

“Hai cinco anos superei un cancro de mama e iso foi o que me motivou a sacar todas esas emocións que estaban retidas e que, de súpeto, saíron. Cambiei totalmente de estilo. Foi algo duro, pero moi importante para min”, lembra. Comezaba esta nova etapa pictórica no 2013, tras emprender un curioso camiño de superacións persoais e descubertas. “Tíñalle auténtica fobia á auga, pero, apoiada pola miña parella, fun ao mar e, en cuestión de dous meses, comecei a bucear. Foi unha gran sensación de liberdade, e despois as cores…”, relata. Entón os seus cadros comezaron a encherse de peixes. Neles usaba unha enxeñosa técnica mixta que lles confería relieve e sensación de movemento. Eran laranxas, azuis, verdes… e interaccionaban uns cos outros.

Exposición de Lola Doporto, nos escaparantes de Miranda X, dentro do proxecto "Mirarte"./ Foto: Carlos G. Hervella.
Exposición de Lola Doporto, nos escaparantes de Miranda X, dentro do proxecto “Mirarte”./ Foto: Carlos G. Hervella.

De seguido, Doporto atopábase por azar coas marionetas. “Estabamos na praia e casualmente nunha revista vin unha reportaxe sobre teatro de títeres francés. Chamáronme a atención as fotos, era unha especie de taller no que as marionetas estaban como mortas. De súpeto, pensei que quería darlles vida porque para min houbo unha nova vida, outra forma de ver as cousas. Entón foi cando dixen ¡quero facer marionetas!”.

Tras tres anos de traballo, Lola Doporto comezaba en decembro a amosar a súa obra. Primeiro foi en Ourense, hai unhas semanas no Barco e, en agosto, a súa obra relacionada con esceas submariñas exporase en Ribeira (Coruña).

Texto: A.R.

Artigos relacionados

Back to top button