DeportesÚltima hora

Os rapaces de Valdeorras poderán gozar de “EsquiOU” do 26 ao 28 de febreiro

As comarcas de Terra de Caldas e Terra de Trives teñen asignada a estancia en Cabeza de Manzaneda na quenda do 5 ao 7 de marzo
Manuel Baltar e Gustavo Sanmartín.

O programa “Esquiou 2018”, que ofrece a posibilidade de achegar a práctica de deportes de inverno e actividades de lecer a máis de 700 nenos da provincia de Ourense de idades comprendidas entre 9 e 12 anos volve un ano máis.

Manuel Baltar destacou, na presentación de hoxe, 5 de decembro, que se trata “dunha actuación máis no ámbito da infancia como as que vimos desenvolvendo desde a institución provincial como ‘Pazolandia’; a Semana Escolar da Provincia e a túa Deputación; as actividades das Letras Galegas…”. Por cuarto ano consecutivo “EsquiOU” “achega aos nenos da provincia á estación de Cabeza de Manzaneda, un referente de natureza e deporte de montaña en Galicia e no Norte de Portugal”, sinalou o presidente da Deputación.

Pola súa parte, o director da Estación Oca Nova Manzaneda, Gustavo Sanmartín, dixo que todas as convocatorias de EsquiOU “son un éxito e cada ano temos máis inscricións”, e animou á participación porque a “estación de Cabeza de Manzaneda é un ben que temos na provincia e que queremos potenciar”.

O programa “EsquiOU”, que pon a disposición 735 prazas para nenos de 9 a 12 anos nas sete zonas xeográficas da provincia, ofrece un programa que inclúe aloxamento, pensión alimenticia, curso de esquí e outras actividades complementarias para nenos nacidos entre o 1 de xaneiro de 2006 e o 31 de decembro de 2009. A duración é de dúas noites e tres días, de luns a mércores.

O programa divídese en sete quendas de 105 persoas cada unha. Deste modo, as quendas serán organizadas por proximidade xeográfica para facilitar a integración e a convivencia entre os participantes. De non cubrirse as prazas nunha quenda e haber demandantes en espera doutras comarcas, iranse reasignando por orde de inscrición. Así, a primeira quenda, que vai do 22 ao 24 de xaneiro, será para as comarcas de Terra de Celanova e Baixa Limia; a segunda, do 29 ao 31 de xaneiro, será para as comarcas de Allariz, Maceda e A Limia; a terceira, do 5 ao 7 de febreiro, será O Ribeiro e Carballiño; a cuarta, do 12 ao 14 de febreiro, para a comarca de Ourense; a quinta, do 19 ao 21 de febreiro, para as comarcas de Verín e Viana; a sexta, do 26 ao 28 de febreiro, para Valdeorras; e a sétima quenda, que vai do 5 ao 7 de marzo, para as comarcas de Terra de Caldelas e Terra de Trives.

Os interesados en participar no programa poden inscribirse ata o día 15 de xaneiro de 2018 a través do correo electrónico esquiou@depourense.es. O custe para cada participante será de 29 euros.

Artigos relacionados

Back to top button