PolíticaÚltima hora

Os Socialistas pedirán no pleno provincial o desbloqueo na declaración de patrimonio da humanidade da Ribeira Sacra

Os representantes dos concellos da zona fixeron unha chamada a que se axilice o proceso xa que suporá un aumento do turismo e un fixador de poboación
Antonia Álvarez, Aquilino Rodríguez, Francisco Fraga, Susana Rodríguez, Víctor Pérez e José Carlos Rivera. // Foto: Carlos Asensio. 

Os representantes socialistas dos concellos da Ribeira Sacra, encabezados polo voceiro provincial Francisco Fraga, xuntáronse hoxe, 15 de marzo, na sede do PSdeG-PSOE de Ourense para falar da próxima moción que presentarán no vindeiro pleno da Deputación. Segundo apuntou Francisco Fraga: “a ver se dunha vez por todas se fan os traballos necesarios para declarar como patrimonio da humanidade á Ribeira Sacra”. O deputado dixo que este é un dos expedientes “máis antigos” que levan tramitando, “exactamente 18 anos”, apuntou.

Fraga fixo un repaso pola historia deste proceso. Contou que aló por agosto de 2013 o presidente da Deputación “mantivo unha xuntanza cos alcaldes da zona dicindo que se ía lograr en cuestión de meses”. Seguido diso, o Partido Popular presentaría unha moción no pleno provincial “que foi aprobada por unanimidade”, dixo Francisco Fraga. A finais dese mesmo ano, as Deputacións de Lugo e Ourense asinaron un convenio de colaboración para traballar conxuntamente “e de xeito activo”, na candidatura. Simultaneamente con isto, en 2014 asignouse “a dedo”, apuntou Fraga, un grupo multidisciplinar de expertos coordinados polo Valedor do Pobo. O deputado socialista apuntou que este informe custou “ao redor de 100.000 euros” que foron financiados polas Deputacións de Ourense e Lugo. Neste punto comezaría a parálise do proxecto, xa que a dirección xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia botou para atrás este informe, que serviría como base para a presentación ante a UNESCO. Os argumentos que deron foi que devandito informe debería de ser revisado “porque estaba incompleto e non se axusta aos parámetros determinados pola UNESCO”, informou Francisco Fraga.

Tendo en conta todo isto, a moción que os socialistas van presentar en pleno xirará en torno a tres eixos. Por unha banda vanlle esixir á Xunta de Galicia que remate os trámites pendentes para a declaración da Ribeira Sacra como ben de interese cultural e o inicio das xestións ante o Ministerio de Cultura para a súa declaración como patrimonio da humanidade. No segundo punto vanlle instar ao Goberno de España a axilización dos trámites da súa competencia para tal fin e, finalmente, o terceiro eixo será reclamar ao Valedor do Pobo un informe sobre os atrasos que está a sufrir ese documento que servirá como base para a candidatura da Ribeira Sacra.

Francisco Fraga concluíu a súa intervención dicindo que “temos unha provincia que perde poboación e non podemos esperar máis tempo a poñela en valor”.

Importancia para os Concellos

O tenente de alcalde de Parada de Sil, Aquilino Domínguez, destacou a “beleza paisaxística do noso Concello”. Reiterou que “estamos a deixar pasar unha oportunidade moi importante” e sinalou que para Parada de Sil, “que temos o turismo como principal fonte de ingresos”, se a Ribeira Sacra fose patrimonio da humanidade “sería multiplicar as 300.000 visitas que recibe o mosteiro de Santa Cristina de Ribas do Sil”, exemplificou.

A súa compañeira Antonia Álvarez, concelleira de Nogueira de Ramuín, subscribiu as palabras de Domínguez en canto ao turismo como principal fonte de ingresos do seu concello e sinalou que “non hai interese en que isto saia adiante”. Asemade, apuntou que “hai unha falta tremenda de información, que se debería de facer dende o Concello, para explicarlle aos veciños o que significa unha declaración deste calibre”.

Víctor Pérez, concelleiro de Esgos, concordou coa falta de interese e dixo que no seu concello “o alcalde presume das 60.000 visitas que ten o mosteiro de San Pedro de Rocas pero non hai repercusión económica para a vila posto que non temos establecementos de hostalaría abertos”.

Canda a eles tamén estiveron a deputada Susana Rodríguez e o concelleiro de Xunqueira de Espadanedo, José Carlos Rivera.

 

Artigos relacionados

Back to top button