PolíticaÚltima hora

Os socialistas piden a comparecencia da Conselleira polos incendios de outubro

O PSdeG-PSOE considera que a Xunta “está ancorada na estacionalidade” e que “actuaron baixo a improvisación”
José Antonio Quiroga e Raúl Fernández. // Foto: Carlos Asensio.

O PSdeG-PSOE vai pedir a comparecencia “da Conselleira ou do Secretario Xeral de Medio Rural e Montes” no Parlamento de Galicia para que dean explicacións con respecto á política que están a levar a cabo en materia de prevención e extinción de incendios durante este mes de outubro, que estivo cheo de lumes tanto na provincia de Ourense como en Lugo.

Así o anunciaron hoxe, 14 de outubro, o voceiro de Política Forestal do Grupo Socialista no Parlamento de Galicia, José Antonio Quiroga, e o deputado ourensán e secretario provincial dos socialistas ourensáns, Raúl Fernández.

Ambos os dous coincidiron en asegurar que a Xunta “está a levar a cabo unha resposta encorsetada cinguida ao Pladiga”. Segundo reza este plan, a tempada alta de incendios concéntrase, principalmente, nos meses de xullo e agosto, período onde se reforza con máis efectivos e medios, “e a Xunta considera que agora non é temporada alta de incendios, polo tanto tivo que chamar de urxencia aos efectivos para que viñesen extinguir os incendios deste mes”, dixo Raúl Fernández. Todo isto é “algo que xa non se adapta á realidade”, aclarou o socialista, “segundo temos visto estes últimos días”.

Neste senso, Raúl Fernández explicou que esta situación de lumes deste mes deuse, “ademais de pola seca e a falta de choiva”, porque a despoboación do rural implica que haxa unha caída da actividade e, por ende, o abandono das terras “aumentando así a actividade incendiaria”. Dada esta situación, para os socialistas, “as administracións non foron capaces de adaptarse á realidade”.

Deste xeito, o que o seu grupo reclama é que “a Xunta non se dea a improvisación” e que volva contratar aos brigadistas fixos descontinuos e que retome os contratos con Seaga “xa que agora, en temporada baixa, un terzo dos operativos están na rúa, e esta empresa pode actuar en materia de prevención”. Neste senso, o voceiro de Política Rural asegurou que o Goberno galego “está ancorado no concepto de estacionalidade” e aseguou que é necesario un cambio nesa política de extinción de incendios, “para que se adapte á realidade do territorio”, aseverou.

Profesionalización e substitucións

Outra das cousas que ambos os dous socialistas reclamaron é “a profesionalización das brigadas municipais”. Segundo José Antonio Quiroga, estas brigadas precisan da formación necesaria para levar a cabo os traballos en materia de extinción e prevención “xa que son un eixo fundamenta na detección de incendios”, asegurou, posto que, en moitos casos, son eles os primeiros en dar a alerta. Por outra banda, tamén manifestaron que a Xunta “non está a cubrir as baixas e vacacións dos brigadistas”.

En conclusión, na vindeira sesión plenaria do Parlamento de Galicia, dende o Grupo Socialista anunciaron que van levar a cabo unha proposta para que se elimine esa estacionalidade no plan de incendios. Unha proposta que se suma á Proposta Non de Lei para a regulación dos brigadistas fixos descontinuos “a cal o PP votou en contra”, aclararon, e a outra proposta, tamén non de Lei, “para o control dos incendiarios”, a cal os populares tamén rexeitaron.

Texto: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button