EconomíaEconomíaGalerías de fotosÚltima horaViticultura

Os viños da D.O. Monterrei promociónanse en Barcelona

Máis dun cento de persoas teñen asistido as accións promocionais que promove o consello regulador a primeiros de outubro nesta cidade

Dentro da campaña de divulgación e promoción que o Consello Regulador da Denominación de Orixe Monterrei vén desenvolvendo ao longo deste ano en diferentes cidades españolas, tiñan lugar en Barcelona unha serie de accións destinadas a profesionais a primeiros de outubro.

A primeira destas iniciativas celebrábase na aula de cata da Associació Catalana de Sommeliers (ACS), onde se impartía a Master Class ‘Monterrei, as orixes da vide en Galicia’, da man do sumiller Luis Paadín, así como unha cata de viños da denominación. Entre os membros da asociación asistentes estaba a súa presidenta e a súa secretaria xeral, Anna Vicens e Chus Barrachina, respectivamente.

Ao día seguinte, martes día 3, organizábase un Túnel do Viño da D.O. Monterrei destinado a profesionais do sector -hostaleiros, sumilleres, distribuidores, prensa, docentes e alumnos de escolas de hostalaría-. Nel podían atoparse máis de 40 referencias de 20 adegas da denominación, “permitindo ademais catar viños de distintas colleitas, variedades (Godello, Mencía, Dona Branca, Araúxa) e solos (pizarrosos, graníticos, sedimentarios)”.

Esta actividade completábase cunha ‘estación’ atendida polo sumiller Alejandro Paadín, que permitiu amosar e degustar viños de añadas antigas xa esgotadas, uvas e mostos da colleita do 2017. Tamén a esta acción, a cargo de Luis Paadín, houbo que sumarlle a información complementaria facilitada a través de paneis sobre a denominación, historia, variedades, terras ou pluviometría.

Finalmente, o venres 6 de outubro, a Escola Superior d’Hostaleria de Barcelona (ESHOB) acollerá unha acción formativa para alumnos e docentes de Diploma de Sommelier. Estará encabezada por Chus Brión, docente responsable do curso de sumillería, e no seu decurso os presentes realizarán un percorrido pola historia da orixe do viño en Galicia, con especial atención aos milenarios lagares rupestres, seguida dunha cata de viños da denominación.

Fotos cedidas.

 

 

 

Artigos relacionados

Back to top button