EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Os viños ourensáns, en “Galicia en catas”

Este evento desenvólvese entre o 10 e o 12 de xullo no Parador dos Reis Católicos de Santiago
Rosa Quintana e Nava Castro, co secretario xeral de Medio Rural e cos representantes dos consellos reguladores.
Rosa Quintana e Nava Castro, co secretario xeral de Medio Rural e cos representantes dos consellos reguladores.

Máis de 200 referencias de viños, augardentes e licores tradicionais galegos de todas as denominacións de orixe reúnense no Parador dos Reis Católicos de Santiago entre o 10 e o 12 de xullo. Fano no marco de “Galicia en catas, referencias para sentir”, un encontro no que os caldos con denominación de orixe se alían con outros produtos galegos de calidade como o mel e os queixos.

Estas xornadas, promovidas pola Consellería do Medio Rural en colaboración cos consellos reguladores, encetábanse o 10 de xullo. Na apertura contábase coa presenza da titular deste departamento, Rosa Quintana, e coa da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, no chamado “túnel do viño”, acto central do programa.

Na visita, Quintana valoraba a importancia de eventos coma este para difundir a calidade dos produtos de Galicia e animaba á xente a visitar a iniciativa. O túnel do viño ofrece aos seus visitantes a posibilidade de catar ata 200 caldos das cinco denominacións de orixe galegas, catro das cales están na provincia de Ourense: Valdeorras, Ribeiro, Monterrei e Ribeira Sacra (neste caso compartida coa provincia de Lugo). Ten un horario de 11 da mañá a 9 da noite e accédese mediante invitación ou pagando unha entrada con prezos populares. Os participantes nesta experiencia entrarán ademais no sorteo dun lote destes produtos.

Cada visitante, coa súa copa na man, pode percorrer a exposición e servirse libremente a cantidade apropiada de viño para a súa cata. Os viños están separados en cinco grandes grupos: brancos, tintos, elaboracións especiais (escumosos, tostados, ecolóxicos…), licores-augardentes e marcas premiadas cos acios e/ou potes nas Catas de Galicia 2014. Ademais dos viños, tamén poderán degustar os licores tradicionais e augardentes alí presentes.

Este encontro inclúe asemade outras propostas como catas comentadas dos viños gañadores cos acios de ouro, prata ou bronce na recente Cata de Galicia, así como presentacións de meles monoflorais e multiflorais da Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia, presentación dos queixos galegos con D.O.P. e demostracións de coctelería con augardentes e licores tradicionais de Galicia.

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button