OurenseÚltima hora

Das 65 películas do catálogo do 22º OUFF, 15 son galegas

O festival arranca o vindeiro 20 de outubro e faino, en verbas do seu director artístico, Fran Gayo, “despregándose” polas rúas da capital e co filme “Trinta Lumes” de Diana Toucedo
Foto de familia da organización do OUFF. // Foto: Carlos Asensio.

O Festival Internacional de Cine de Ourense (OUFF) abrirá esta vixésimo segunda edición con címema en galego. O vindeiro 20 de outubro, a encargada de pór en marcha a maquinaria será Diana Toucedo co seu filme “Trinta Lumes”, que ten como escenario o Caurel. Así o anunciou o director artístico do Festival, Fran Gayo, na presentación de hoxe, 11 de outubro.

En total, o catálogo de filmes deste ano conta con 15 producións de cinema galego, entre curtametraxes e películas, dun total de 65 filmes. Entre filmes galegos destacan nomes como Diana Toucedo, Hugo Amoedo, Jaione Camborda, Héctor Carré, Aser Álvarez, José Manuel Mouriño ou Iván Nespereira, nomeou o presidente do AGADIC, Jacobo Sutil, na súa intervención.

Asemade, Fran Gayo anunciou que neste OUFF “farase a presentación internacional das primeiras imaxes de ‘Aquilo que arde’ de Óliver Laxe”. Unha longametraxe que narra a historia dun pirómano que vive nos Ancares.

Na parte internacional, Arxentina será o país máis presente na vixésimo segunda edición do Festival Internacional de Cine de Ourense (OUFF). Así o anunciou, Fran Gayo. O director asegurou que “o cinema arxentino é un dos máis importantes do mundo”, así é todo, os espectadores tamén poderán gozar de creacións de máis de 23 países distintos, sen esquecer o cinema galego.

Neste senso, o OUFF vai ofrecer unha retrospectiva co director arxentino Mariano Llinás, recoñecido e galardoado con numerosos premios en diferentes festivais ao redor do globo.

En canto ás novidades para este ano, o director artístico contou que este ano “quixemos despregar o festival para facelo crecer”. Isto quere dicir que o cinema vai estar máis presente na rúa “porque queremos comezar a facer cidade xa que non queriamos que o festival fose só un escaparate de películas”. Por outra banda, Gayo falou de achegar o cinema ao público máis mozo “posto que agora estamos vendo que os mozos que roldan os 20 anos xa non van a festivais de cine”, asegurou, e “se o público dun festival non rexuvenece, este tende a envellecer”, sentenciou o director.

Ese despregamento está presente, por exemplo, na exposición “Platea”, nos xardíns do Padre Feijóo de Ourense.

Así, este festival, ademais de proxectar filmes, organizará o terceiro encontro de produtores de Galicia e Portugal, “onde 30 empresas de ambos os dous lados do Miño van participar”, asegurou o director do AGADIC, Jacobo Sutil. Asemade tamén estará a “OUFF Escola”, cuxo obxectivo é “promover o uso do galego entre a xuventude a través do audiovisual”, dixo Sutil; e, finalmente, o primeiro foro de produción “Áncora”. Tamén hoxe arrancou o obradoiro de Edición de Vídeo no Centro de Coñecemento “La Molinera”, en Ourense, enmarcado dentro do OUFF.

Fran Gayo, Jacobo Sutil, Jesús Vázquez, Rosendo Fernándes e Belén Iglesias. // Foto: Carlos Asensio.

Pola súa banda, a concelleira de Cultura do Concello de Ourense, Belén Iglesias, asegurou que este festival “vai estar máis próximo á mocidade xa que integra á Universidade”, asemade reiterou que “haberá unha forte presenza feminina”. O seu compañeiro de corporación e alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, uniuse a Iglesias en felicitar a Gayo polo seu traballo asegurando que “este proxecto é moi bo e temos unha nómina de autores de luxo”. O rexedor tamén fixo unha chiscadela ao equipo técnico do OUFF: “eses que non se ven pero traballan arreo”. E anunciou que este ano tamén entregarase o Premio Cidade de Ourense, que na pasada edición foi recaer no director Óliver Laxe e que este ano vai parar á iniciativa didáctica “Cinema en Curso”.

Tamén o vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández, tivo palabras de louvanza coa organización do Festival e reiterou que “facer cinema galego é posible e facer cinema en galego é necesario”.

Coma sempre, haberá dúas competicións: Categoría cinema Iberoamericano e Ópera Prima. A meirande parte dos filmes serán proxectados no Teatro Principal de Ourense, nos cines do Centro Comercial Ponte Vella, así como no Cinceclube Padre Feijóo e no Auditorio Municipal.

Texto: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button