Galerías de fotosOurenseÚltima hora

A ourensanía, un sentir con imaxe propia

A Deputación reforza a marca Ourense e complementa os seus símbolos co lanzamento dun logotipo exclusivo

Bandeira, escudo, himno e agora logo propio. A provincia conta dende hoxe cun símbolo máis do seu sentir, un sentir que fai que “cada día sexamos máis os que cremos en Ourense”, dicía o presidente da Deputación, Manuel Baltar, durante a presentación da nova imaxe da marca Ourense. O acto tivo lugar esta mañá no Centro Cultural Marcos Valcárcel e foi presentado polo xornalista ourensán Marco Rocha, aínda que tamén contou coa participación da directora do equipo encargado do deseño, Silvia Fraga. Con esta iniciativa, Ourense convértese na primeira provincia española en ter este tipo de simboloxía.

“Hoxe Ourense ponse ao nivel de cidades como Nova York, co I (love) NY“, comezaba Rocha, que foi o encargado de conducir a presentación da chamada marca da “ourensanía”. Este concepto que busca apelar ao sentimento de pertencer á provincia foi definido por Baltar como “algo máis ca un territorio” e “algo máis ca unha provincia sen límites”, polo que entende que “debemos levalo por bandeira”. O titular do goberno provincial fixo fincapé durante a súa intervención no labor de Luís González Tosar, a quen puxo como “o verdadeiro ideólogo” do proxecto.

Logo do visionado do vídeo promocional no que se mostrou ao público o novo logo, o presentador mantivo unha pequena entrevista coa directora do proxecto, Silvia Fraga. Ela foi a encargada de coordinar, segundo se dixo, un equipo de sete persoas para dar forma a ese sentir. “A ourensanía xa é, xa existía”, explicou Fraga, “non tiñamos un lenzo en branco, e así foi máis sinxelo”. Aproveitou a súa intervención tamén para explicar o significado da imaxe, que aposta por dar protagonismo ás cores. A través do xogo cromático búscase plasmar os diversos recursos patrimoniais cos que conta o territorio, asimilando o azul á extensa rede fluvial da provincia; as cores laranxa e verde coa terra, o sol e a natureza; o morado, coa espiritualidade; e o branco coa neve.

Este paso, enmarcado no proxecto “Ourense, destino intelixente” da Deputación Provincial, vén acompañado tamén do lanzamento da web ourensania.es, que se pon en marcha dende hoxe.

Entre os asistentes ao acto tamén estiveron presentes representantes doutras administracións, como o subdelegado do Goberno en Ourense, Roberto Castro, a delegada territorial da Xunta na provincia, Marisol Díaz Mouteira, e mesmo algúns concelleiros da administración local.

Texto e fotos: Sara Fontenla

Artigos relacionados

Back to top button