DeportesÚltima hora

Ourense acolle este sábado o campionato galego de rutinas de nivel de inverno de natación sincronizada

Na competición, que comezará ás 16:45h. na piscina Rosario Dueñas, participarán sete clubs galegos
Presentación do campionato no Concello de Ourense.

Este sábado 18 de febreiro celebrarase na piscina Rosario Dueñas de Ourense, o campionato galego de rutinas de nivel de inverno de natación sincronizada, organizado de forma conxunta pola Federación Galega de Natación (FEGAN) e polo Club Sincro Ourense.

A presentación da competición tiña lugar na mañá do 16 de febreiro no Concello de Ourense, e alí explicaron que  comezará ás 16:45h. co quecemento oficial previo con pase de música. Primeiro celebrarase a competición de combos alevíns, seguida da de combos infantís e finalizando cos combos júnior-absoluto, con podio en cada unha das tres categorías de competición, así como un trofeo ao club campión galego de inverno.

Tal como explican dende a organización, trátase dunha competición de rutinas combinadas (combos), na que se realizan coreografías grupais de entre 4 e 10 nadadoras con acompañamento de música. “Este tipo de coreografías réxese pola normativa da Federación Internacional de Natación (FINA), na que se especifica que durante a coreografía debe haber partes de só, dúos, cuartetos, sextetos e outras partes nas que deben participar todas as compoñentes do grupo”, din dende o Sincro Ourense, especificando que “a duración dos combos alevíns é de 3 minutos 30 segundos, a dos infantís de 4 minutos e a dos júnior-absolutos de 4 minutos 30 segundos”. As coreografías serán evaluadas por un xurado composto por 9 xuíces: 3 valorarán a parte artística (40% da nota final), outros 3 calificarán a dificultade  (30% da nota) e o resto evaluarán a execución (30% da nota).

 

A presidenta do Club Sincro Ourense e o concelleiro de Deportes de Ourense, na presentación.

Na competición do sábado participarán os 7 clubs galegos da categoría de nivel: Portamiñá de Lugo participará cun combo alevín e outro júnior-absoluto; o Club Rías Baixas de Vigo presentará un combo júnior-absoluto; e os Clubs Sincro Pontevedra, Sincro Ferrol, Galaico Sincro de Pontevedra, Real Club Náutico de Vigo e o anfitrión, Sincro Ourense, presentarán tres coreografías cada un: unha alevín, unha infantil e outra júnior-absoluta. En  total serán 18 os combos participantes no campionato.

 

Artigos relacionados

Back to top button