Galerías de fotosOurenseÚltima hora

Ourense celebra o 35 aniversario da Constitución

No acto, organizado pola Subdelegación do Goberno, entregáronse os premios do concurso escolar

Cos himnos galego e nacional, interpretados pola Orquestra do Conservatorio e Escola Municipal do Carballiño, clausurábase o acto organizado pola Subdelegación do Goberno para conmemorar o 35° aniversario da Constitución, na mañá do 6 de decembro no Auditorio de Ourense. Un acto no que os nenos, gañadores do 31° concurso escolar centrado no “Capítulo II, La Corona” foron os protagonistas.

Un total de corenta nenos de toda a provincia, vinte de Educación Infantil e Primaria cos seus debuxos e outros tantos de ESO, Bacharelato e FP coas súas redaccións, recibiron os agasallos e diplomas de man das autoridades presentes, co subdelegado do Goberno Roberto Castro á cabeza.

O propio Castro foi o encargado de entregar tamén as dúas medallas ao mérito de Protección Civil a Marcial José Méndez Álvarez e Julio Cervero Yubero.

Como vén facendo nos últimos anos, a Subdelegación do Goberno entregaba asemade tres distincións: á ONG Manos Unidas en Ourense; ao doutor Garrido Valenzuela; e á Axente da Policía Nacional, Eva Rodríguez.

Outro membro da Policía, Vanessa Lage, recentemente abatida no atraco perpetrado en Vigo, era lembrada no acto cun minuto de silencio antes da intervención final do subdelegado. Pechando o acto, Roberto Castro asegurou que “avalar e protexer o futuro de paz e concordia debe ser a nosa condición prioritaria, para que as xeracións de rapaces e rapazas que hoxe nos están a sorprender cos seus extraordinarios traballos, poidan materializalos nas súas idades adultas”.

Fotos: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Back to top button