En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Ourense conmemora o Día da Constitución cun solemne acto

No acto, celebrado no Auditorio, entregábanse os premios do 38º concurso escolar convocado pola Subdelegación do Goberno

Facendo un símil co enxeñoso Don Quixote da Mancha “o xentilhome que apuntala sobre os seus propios pasos os alicerces dunha fantasía nunca acabada que loita pola gloria”, o subdelegado do Goberno en Ourense, Roberto Castro, comezaba a súa intervención no acto institucional do Día da Constitución, celebrado no Auditorio Municipal. “Xustiza, tolerancia, liberdade, solidariedade, honestidade, valentía, amor e respecto polo ser humano; a clarividencia ao servizo do inxenio, a intuición como precepto da humanidade,… son conceptos valiosos especialmente neste día, porque esos mesmos valores perseguidos polo fidalgo son os mesmos que inspiraron aos que tiveron o encargo de conformar o texto sometido á consideración das Cortes e do pobo español naquel lonxano ano de 1978”, dixo Castro.

Coma sempre, a intervención do subdelegado incluía palabras para os cativos participantes no concurso convocado pola subdelegación. “Igualmente fermosas, proclamadas hai xa 38 anos, a voz verdadeira do espírito de 1978 está presente de maneira maxistral, sorprendente, enriquecedora e modélica nas palabras e imaxes que os alumnos da provincia nos fixeron chegar, supoñendo unha complicada tarefa a elección dos exemplares gañadores”, dixo.

Ao acto de homenaxe á Carta Magna que cada ano rinde Ourense, asistían numerosas autoridades, entre elas o alcalde da cidade, Jesús Vázquez; e o presidente da Deputación, Manuel Baltar; o presidente do Parlamento Galego, Miguel Santalices; así como deputados por Ourense (como o barquense Moisés Blanco) e veciños de diferentes puntos da provincia como a concelleira de Cultura do Barco de Valdeorras, Margarida Pizcueta.

E trala intervención do subdelegado, entregábanse os agasallos aos cativos gañadores do 38º Concurso da Constitución, así como diferentes distincións: á institución Proxecto Home; á Asociación Española Contra o Cancro-Ourense; e ao garda civil Óscar Silva Ramos. O acto, incluíu asemade a imposición por parte do subdelegado de seis distincións á orde do Mérito Civil concedidas a compoñentes da Comisaría do Corpo Nacional de Policía e da Comandancia da Garda Civil de Ourense: Cruz de Oficial da Orde do Mérito Civil ao inspector xefe da Unidade de delincuencia especializada e violenta (UDEV) da Policía Nacional, da Comisaría Provincial de Ourense, Bernardo Caamaño Díaz; medalla ao mérito da protección civil na súa categoría de bronce e con distintivo azul ao garda civil, destinado no posto de Xinzo de Limia, José Francisco Araujo Nieves; e medalla ao mérito da protección civil na súa categoría de bronce e con distintivo azul ao garda civil, destinado no posto de Xinzo de Limia, Antonio Díaz Vázquez.

O apartado musical do 38º aniversario da Constitución correu a cargo da Banda de Música do Barco.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button