SanidadeÚltima hora

Ourense conta con 560.000 doses de vacina contra a gripe nesta campaña

A campaña de vacinación arrancará o vindeiro luns en 185 puntos sanitarios
Dolores Sánchez, Marisol Díaz e María Villar.

A Consellería de Sanidade arranca, o vindeiro luns, coa campaña de vacinación contra a gripe. En total, a provincia contará con 185 puntos de vacinación. Así o anunciou hoxe, 19 de outubro, a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira.

Así os ourensáns poderán recibir as correspondentes vacinas en 107 centros de saúde, en 6 puntos emprazados en centros hospitalarios, en 32 centros sanitarios privados, 31 residencias de terceira idade e 3 residencias de discapacitados, entre outros.

A campaña, que comezará o 23 de outubro, prolongarase durante dez semanas de xeito continuado ata o vindeiro 29 de decembro. Díaz Mouteira estivo acompañada pola xefa territorial da Consellería de Sanidade en Ourense, María Villar; a pola subdirectora de Procesos de Enfermería da Xerencia de Xestión Integrada de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, Dolores Sánchez.

Marisol Díaz explicou que “o principal obxectivo desta iniciativa é minimizar o impacto da gripe na saúde mediante a súa prevención, tentando diminuír o número e gravidade das complicacións derivadas de padecela”. Entre os obxectivos específicos destacou o de ofertar activamente a vacinación fronte a gripe para acadar unha cobertura do 65% na poboación de 65 ou máis anos e, ao igual que nos últimos anos, farase un especial fincapé na vacinación do persoal sanitario.

Nesta campaña, Sanidade vén de investir 1.956.240 euros que posibilitou a adquisición dun total de 560.000 vacinas antigripais. Concretamente, os responsables sanitarios consideran que para acadar os obxectivos de cobertura en Ourense ao longo de toda a campaña, haberá que administrar unhas 70.000 doses.

Segundo os datos da pasada campaña, Ourense segue a ser a provincia cos niveis máis altos de cobertura. Os datos de 2016 indican que houbo unha porcentaxe do 60,53%, máis de catro puntos por riba da media galega.

En canto aos casos de gripe, na provincia rexistráronse o pasado ano un total de 4.904 casos de gripe, dos cales 120 foron ingresados e se rexistraron 12 falecementos. Neste senso, Ourense foi a provincia con menos ingresos e chamadas ao 061.

A delegada territorial incidiu en que a vacinación durará dez semanas e que hai tempo suficiente para facela progresivamente.

Como nas pasadas campañas, neste 2017 manteranse as indicacións de vacinacións dos últimos anos, ofertando a vacinación a todas as persoas con maior risco de padecemento da enfermidade e as súas complicacións: persoas de 60 ou máis anos e persoas menores de esa idade pertencentes aos grupos de risco (persoas con patoloxías crónicas cardíacas, respiratorias, renais, endocrinas… persoas con cancro ou outras inmunodeficiencias, persoas con obesidade mórbida, persoas con disfunción cognitiva…); e tamén a persoas con posibilidade de transmisión a grupos de risco, entre os que se atopa o persoal sanitario, e traballadores esenciais para a comunidade.

 

Artigos relacionados

Back to top button