PolíticaÚltima hora

Ourense en Común ausentouse do Pleno Extraordinario ao cualificalo de “espectáculo de Democracia Ourensana”

Concentración de Ourense en Común diante do Concello.

Os tres concelleiros de Ourense en común non asistiron esta mañá ao Pleno Extraordinario celebrado no Concello de Ourense xa que decidiron “exercer unha oposición dende a rúa”. Os edís deste grupo da oposición convocaron unha concentración que fixeron a modo de “acto denuncia”, din.

O voceiro deste grupo, Martiño Xosé Vázquez asegurou que “ao igual que faría a veciñanza” quixeron denunciar o que cualificou de “show mediático de Democracia Ourensana”. Segundo explicou, dende a súa agrupación entenden que “a nosa función é traballar para solucionar os temas da veciñanza e non crear circos mediáticos, nin traballar no crecemento do noso ego persoal”.

Por outra banda, coincidiu con toda a oposición sobre a “inacción” do Goberno municipal. Martiño Xosé Vázquez reiterou que esa inacción “a denunciamos cada martes na xunta de área, cada venres primeiro de mes nos plenos ordinarios, con notas de prensa, comunicados, roldas de prensa…”. Aínda que reiterou que esta inacción municipal “tamén se debe á inacción de o bloqueo do principal partido da oposición”, dixo referíndose ao PSdeG-PSOE.

Tras as declaracións aos medios, Martiño X. Vázquez, Ledicia Piñeiro e Miguel Doval, rexistraron unha instancia solicitando a todos os grupos da corporación a “deixarse de espectáculos televisivos e poñerse a traballar nunha folla de ruta 2017-2019 de consenso”, que permita “avanzar e desbloquear mediante o diálogo”, e por orde de urxencia, a Renda Social Municipal para as persoas que máis o necesitan (tras ter fracasado o programa Ourense Integra do PP), solucionar os problemas de recollida de lixo e o sistema de colectores soterrados, o proxecto de orzamentos 2017, a política de persoal e a aprobación dunha nova RPT, a aprobación dun PXOM “sen cambiazos”, e en definitiva, que permita establecer un compromiso de mínimos nestas e outras demandas veciñais que requiran do acordo maioritario da corporación.

Declaracións de Martiño Xosé Vázquez ante a prensa.

 

Máis información sobre o Pleno Extraordinario aquí .

 

 

Artigos relacionados

Back to top button