PolíticaÚltima hora

Ourense en Común fai balance do seu primeiro ano de presenza no Concello

Cre que a situación “non cambiou en exceso” e lamenta que iniciativas sociais como o plan Ourense Integra quedasen no tinteiro, aínda que se congratula de impulsar medidas como a mesa de mobilidade
Miguel Doval e Ledicia Piñeiro, esta mañá na sede da formación.
Miguel Doval e Ledicia Piñeiro, esta mañá na sede da formación.

O grupo Ourense en Común (OueC) vén de facer balance tras cumprirse un ano da súa presenza na corporación do goberno local. O 13 de xuño de 2015, as urnas concedíanlle a esta formación tres concelleiros, tras obter o apoio de 5,478 veciños, converténdose na quinta forza máis votada na cidade. Un ano despois, fai balance, que resume como negativo para o goberno do PP pero positivo no que ao seu labor como oposición lles compete. Deste xeito, Ledicia Piñeiro, concelleira da formación, explicaba esta mañá dende  a súa sede, que a realidade nestes últimos 365 días “non cambiou en exceso” pero que pola súa banda “intentamos facer forza para que se cambiaran as prácticas en tres piares fundamentais: gasto, transparencia e participación”.

Acompañada do voceiro da formación, Miguel Doval, Piñeiro salientou que, pese ao estancamento do goberno, o seu labor na oposición conseguiu algúns cambios. Referiuse neste punto a cuestións de reducción de gasto, pois segundo detallou, fixeron unha análise na que detectaron que OUeC foi o grupo “que menos gastou dos recursos municipais neste ano, cun 49%”. Segundo esta mesa análise, o grupo que maiores recursos consumiu sería o PSOE, cun 86%, seguido do PP, cun 75%, e de Democracia Ourensá (DO), cun 55%.

En canto ao eido da transparencia e da participación, Ledicia Piñeiro salientou o traballo do grupo á hora de implantar a posibilidade de publicar a relación de bens dos concelleiros. Ou a celebración de reunións e asambleas veciñais por 14 barrios para dar a coñecer o PXOM e as alegacións. “A máxima era que se non o fai o goberno, terémolo que facer nós”, puntualizou, en relación á petición realizada ao Concello para facer un roteiro con este motivo. “Cremos que hai moito no que se pode avanzar en materia de participación, non só votar o cartel das festas”, dixo.

Outro dos puntos que resaltaron Doval e Piñeiro esta mañá foi a creación da mesa de mobilidade, coa incorporación de representantes das principais plataformas e colectivos do sector, como Stop Accidentes ou Masa Crítica. Non obstante, Piñeiro criticou a actitude do goberno: “o problema é que a mesa avanza moitísimo nas súas conclusións e o Concello está a paralizalas, porque que a xente de repente opine e faga política municipal fai que o grupo de goberno se lle vaia das mans”.

No apartado das críticas tamén se mencionaron puntos como o parque de bombeiros, do que dixeron que “nin partíndolles as vacacións se vai acadar en moitas semanas do verán o mínimo de efectivos de seguridade por turno”. “Seguimos a ter un 23% de persoas en risco de exclusión social, cunha clara liña continuista do anterior goberno”, continuou Piñeiro, que lamentou que se quedasen polo camiño iniciativas como o plan Ourense Integra, do que di que “un ano despois, non temos ningunha noticia de que isto sexa viable, tal e como eles o plantexan”.

O balance tamén pasou por outros eidos como a RPT dos 800 traballadores do Concello, que segue paralizada por un segundo informe de Intervención e que repercute directamente na aprobación dos orzamentos. “A concelleira deixa caer que se van saltar a fiscalización, e se o fai, para min é grave”, dixo Piñeiro.

Pola súa banda, Doval aproveitou para criticar a parálise na tramitación dos Mupis e fixo fincapé na situación do emprego local: “nun ano non se xerou nin un só posto de emprego; só as lanzadeiras, que só son reunións de xente que se xuntan para contar as súas experiencias e se dean ánimos”. Neste punto, lamentou que o centro de coñecemento La Molinera “se estea a converter nun espazo de eventos”.

Tamén lembrou diversos aspectos pendentes no eido do comercio, como a situación das cafeterías que requiren concesión para abrir ou a paralización da apertura da Praza de Abastos da Ponte. En canto a infraestruturas, Doval cre que “o que fixo este goberno son obras que xa estaban en marcha de anteriores goberno; inicativa nova, prácticamente ningunha”.

Texto e fotos: Sara Fontenla

Artigos relacionados

Back to top button