DeportesÚltima hora

Ourense prepárase para a 39 edición da San Martiño

A carreira popular, que se celebrará o 15 de novembro, prevé superar os 10.000 corredores da pasada edición
Saída da pasada edición da San Martiño. /Foto: Carlos G. Hervella.
Saída da pasada edición da San Martiño. /Foto: Carlos G. Hervella.

Convertida nunha cita deportiva de referencia a nivel nacional, a 39 edición da carreira pedestre popular da San Martiño, celebrarase o domingo 15 de novembro. Así o adiantaban na presentación oficial deste evento deportivo e tamén social de primeira orde, que tiña lugar no salón de plenos do Concello de Ourense na mañá do 8 de outubro.

A carreira, un percorrido de 10 quilómetros polas rúas da cidade “é” en palabras do concelleiro de Deportes de Ourense, Mario Guede, “o peche do ciclo de todos os Correndo X Ourense, que rematan o 25 deste mes cun circuíto na Carballeira”. Logo dos “máis de 10.000 inscritos da edición anterior, 2.215 deles con ADN ourensán”, como apuntaba o alcalde da cidade, Jesús Vázquez, para este ano agárdase aumentar a participación, segundo as previsións de Marta Míguez, coordinadora do Consello Municipal de Deportes.

Con respecto ao apartado técnico, a carreira terá tres categorías: cativos (menores de 8 anos), que percorrerán unha distancia de 1.400 metros; escolares (9-16 anos), cun circuíto de 4.700 metros; e adultos (a partir de 17 anos), cunha distancia por diante de 10.000 metros. A saída producirase dende a ponte do Milenio e a meta estará situada no pavillón dos Remedios.

Segundo se reflicte no regulamento, haberá trofeos e premios económicos para os tres primeiros atletas de cada categoría, incluíndo un exclusivo para cidadáns de Ourense, e premios en material escolar para os colexios mellor clasificados. Igualmente, haberá un premio de 500 euros para quen bata o récord da San Martiño (establecido desde 2010 en 28:49 minutos en categoría masculina e 32:45 minutos en feminina), e tamén para os máis rápidos nos 5 km.

Para participar haberá que inscribirse na web deportesourense.com ata o 31 de outubro (cun prezo de 3 euros), ou do 1 ao 8 de novembro (cun prezo de 5 euros).

Artigos relacionados

Back to top button