EconomíaEconomíaÚltima hora

“Ourense termal”, entre os itinerarios de outono dos Trens Turísticos de Galicia

Terá saídas os días 7 e 21 de outubro desde Santiago (con achegamentos desde A Coruña e Vigo) e ofrece a posibilidade de realizar unha visita guiada polo centro histórico e a Catedral

 

Presentación da oferta de outono dos Trens Turísticos de Galicia.

 

En tres cidades se centrarán os itinerarios outonais dos Trens Turísticos de Galicia. Trátase dos trens Lugo Romano, Ourense termal e de compras e Descubrindo A Coruña, con saídas programadas para os días 30 de setembro e 7, 14, 21 e 28 de outubro en función da ruta. Os billetes poden adquirirse a través da web de Renfe e nas estacións, con prezos de 40 euros para adultos, 20 para nenos e descontos para grupos. Os interesados atoparán completa información na páxina turismo.gal.

Así se expoñía na presentación da tempada de outono destes trens, nun acto celebrado en Santiago coa presenza da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro; do xerente da Área Comercial e o Servizo de Atención ao Cliente de Renfe, Javier Díaz Trisac; e do presidente do Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde), Rosendo Fernández.

“Por primeira vez, as locomotoras non se deteñen co fin do verán, senón que seguen acesas en setembro e outubro con novos destinos e propostas co turismo urbano e de compras, a cultura e o termalismo como eixos”, explicaba Nava Castro.

A ruta Ourense termal e de compras ten saídas os días 7 e 21 de outubro desde Santiago de Compostela (con achegamentos desde A Coruña e Vigo) e ofrece a posibilidade de realizar unha visita guiada polo centro histórico e a Catedral. Despois dun tempo de paseo e de compras polo comercio de proximidade e calidade, os participantes trasladaranse ás termas de Outariz, para gozar das propiedades das augas da segunda potencial termal de Europa.

 

Artigos relacionados

Back to top button