OurenseÚltima hora

Ourensegrafías 2015 achégase ata A Valenzá

A iniciativa para coñecer o patrimonio dos barrios a través dos seus habitantes desenvolverase o 28 e 29 de novembro
Presentación de Ourensegrafías 2015/ Valenzagrafías.
Presentación de Ourensegrafías 2015/ Valenzagrafías.

Conseguir xerar unha fotografía clara do patrimonio dos barrios de Ourense a través da opinión dos seus propios habitantes, é o obxectivo do proxecto Ourensegrafías cuxa edición do 2015 era presentado na mañá do 26 de novembro por Óscar Penín de a Bela Auria e Begoña Garrido da cooperativa Xeitura.

Este ano, co patrocinio da Deputación de Ourense, co nome de Valenzagrafías, o proxecto achegarase a fin de semana do 28 e 29 de novembro ata a Valenzá, en Barbadas “un barrio cunha importante expansión nos últimops vinte anos e que ao mesmo tempo mantén zonas que nos falan da súa orixe periférica”, explican dende a organización.

Contribuíndo a ampliar a idea da poboación sobre patrimonio, así como do concepto do que debe ser conservado e posto en valor, ponse en marcha unha serie de actividades que pretenden servir como método participativo e que parten da propia subxetividade do participante. “Non é o mesmo como verá o seu barrio unha nena de primaria, un activista medioambiental ou unha persoa de máis de oitenta anos”, aseguran dende Ourensegrafías.

O sábado día 28, o programa arrancará ás 11h. co “Xeopeliquín”, cartografado colectivo dun barrio a través dunha serie de dinámicas de grupos e uns materiais cartográficos en branco. Pola tarde, en torno ás 16h. celebrarase un foro con especialistas para debater sobre o futuro das zonas rurais e urbanas do país; e ás 20h. un magosto que sirva de encontro cos veciños de máis idade da Valenzá para facer unha recollida do seu coñecemento como patrimonio. A xornada rematará en torno ás 21:30h. coa cea colaborativa e festa coa actuación das Aureas.

E xa o domingo 29, ás 11h. tocaralle o turno ás “Pequegrafías, coñecendo a contorna”, un obradoiro para pequenos, onde descubrirán o concepto de patrimonio.



Artigos relacionados

Back to top button