En portadaEspecial Cristo 2016Galerías de fotosÚltima hora

“Para min as Festas do Cristo eran a familia”

O actor Christian Escuredo lía un pregón salpicado de lembranzas, humor e emoción na noite do 8 de setembro

Con música, interpretando “O home do piano” ( Billy Joel) e “Volver” de Gardel, concluía o actor barquense Christian Escuredo o pregón co que veñen de abrirse na noite do 8 de setembro ás Festas do Cristo 2016. Facíao na praza Maior, o mesmo escenario no que no 2003 realizaba a súa última actuación na vila, acompañado por Jorge á guitarra e José ao piano, cos que volvía a reunirse neste acto de apertura das festas.

Os temas que cantaba non estaban escollidos ao azar, senón que resumían as mensaxe que repetía ao longo dun pregón trufado de recordos, agradecementos á súa terra, emoción, notas de humor e tamén dos aplausos da multitude de persoas que enchían a praza. “A noite de hoxe posiblemente sexa unha das máis bonitas e das máis especiais da miña vida”, dicía este actor que está en plena xira de “Priscilla. Reina del desierto”, nada máis empezar a súa intervención, “non hai xesto máis xeneroso que os teus veciños te conviden a que leas o pregón das nosas festas porque estou na casa”.

A partires de aí Escuredo, da “xeración do 84, unha xeración moi especial”, facía un percorrido pola súa nenez e adolescencia na vila valdeorresa, de onde marchaba con 18 anos para estudar e desenvolver a súa carreira como artista. “Os logros veñen do esforzo e do talento a min iso ensináronmo eiquí no Barco”, aseguraba, “veño dunha familia sen antecedentes artísticos, pero sempre digo que tiven moita sorte porque vinme rodeado duns pais cun espírito de traballo e de confianza que me axudaron a loitar polos meus soños, e o máis importante, a aceptarme e valorarme tal como son”.

Resaltaba asemade os fortes vínculos que os seguen unindo co Barco, a pesar de vivir fóra e da necesidade de voltar. “Eu vaia onde vaia sempre remarco que son do Barco de Valdeorras. Por moi lonxe que nos atopemos as raíces nunca se perden, igual que os lazos familiares, por iso trato de ter consciente o meu sistema, honrando aos meus tanto aos que están como aos que se foron. Por iso para min é importante voltar e hoxe é volver, como dicimos aquí, con maiúsculas”.

Non faltaban tampouco ás alusións ás festas do Cristo que “para min eran a familia, a casa chea de xente”. E facía unha lembranza moi especial, sobre todo aos que xa non están, e máis en concreto, ao seu avó Domingo, quen lle recomendaba que na súa etapa no Luar cantase “O home do piano”.

Fotos: Ángeles Rodríguez

Artigos relacionados

Back to top button