ConcellosÚltima hora

Parada de Sil, concello de interese turístico galego

A decisión tomábase no Consello da Xunta celebrado o 16 de abril
Imaxe da necrópole medieval de San Vítor de Barxacova (Parada de Sil)./ Foto: Carlos G. Hervella.
Imaxe da necrópole medieval de San Vítor de Barxacova (Parada de Sil)./ Foto: Carlos G. Hervella.

Parada de Sil vén de sumarse á listaxe de municipios turísticos galegos, que na actualidade son un total de 44, dez deles ourensáns. A súa incorporación decidíase no Consello da Xunta celebrado o día 16 de abril. O alcalde de Parada de Sil, Francisco Magide, amosaba a súa satisfacción e agradecemento por lograr esta distinción, froito dunha “estreita colaboración e diálogo fluído coa Axencia Galega de Turismo, traballo no que sempre primou a posta en valor da medio e dos recursos de Parada de Sil”.

Encravado na Ribeira Sacra ourensá, Parada de Sil, posúe multitude de monumentos singulares: o Mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil, a necrópole medieval de San Vítor de Barxacova, a ponte medieval de Conceliños, petos de ánimas, cruceiros… Ademais de referentes naturais como o canón do Sil. “O concello conta co BIC de Sta. Cristina e unha parte en Rede Natura ademais de valores xeolóxicos que pronto serán postos en valor, arquitectónicos e etnográficos que transcenden os valores paisaxísticos”, resalta Magide.

Tamén lembra que á hora de presentar a documentación para solicitar a declaración de municipio turístico galego elaborouse un documento en torno a dous apartados, “un primeiro adicado a monumentos singulares e etnográficos; e un segundo relacionado coa paisaxe e actuacións na mesma que reforzan aspectos medio ambientais. No primeiro deles, en canto a monumentos singulares, sitúanse a necrópole de San Vítor de Barxacova, a ponte medieval de Conceliños, a calzada romana de Pradomao, petos de ánimas e cruceiros e o buque insignia O Mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil. Nas edificacións con valor etnográfico cabe salientar as casas da neve de Cabeza de Meda, o foxo do lobo, os muíños de Entrambosríos, o fornosequeiro de Fondodevila, o Belén do Señor José na Capela de San Ramón, entre outros”.

No que respecta a elementos medioambientais, Magide resalta o Castiñeiro singular de Entrambosríos, o Souto de Santo André, os viñedos do Pombar, “todos eles con paneis interpretativos en galego, castelán e inglés. As actuacións municipais para darlle pulo e atractivo o medio natural céntranse nas rutas de sendeirismo, a Fábrica da Luz e a rede de miradoiros nomeadamente os Balcóns de Madrid ou Torgás, que están a ser remozados, así como unha rede aceptable de áreas recreativas nas que os visitantes poden comer o bocadillo ou votar un descanso antes de comezar unha nova a actividade”.

Para o rexidor de Parada de Sil esta declaración permitirá darlle un novo impulso “para atraer máis visitantes a un dos concellos con máis atractivos da Ribeira Sacra no camiño cara a súa declaración como Patrimonio da Humanidade”.

Artigos relacionados

Back to top button