EconomíaEconomíaGalerías de fotosPizarraÚltima hora

A patronal mineira respalda a futura Lei de Fomento de Iniciativas Empresariais

O presidente do Clúster da Pizarra de Galicia, Víctor Cobo, dixo que “aplaudimos esta iniciativa do Goberno galego que, a través dun texto legal, normalice e regule o contido dun sector económico esencial como é a minaría”

Os distintos representantes da patronal mineira de Galicia xuntáronse hoxe, 5 de outubro, na Confederación de Empresarios de Ourense (CEO) para ratificar o seu apoio á futura Lei de Fomento de Iniciativas Empresariais en Galicia, que actualmente está en fase de tramitación no Parlamento galego.

Segundo asegurou o presidente do Clúster da Lousa de Galicia, Víctor Cobo, esta nova lei “aparece nun momento crucial para o sector porque prevé unha modificación da actual lei de minaría”. Cobo reiterou que dende o organismo que representa “aplaudimos esta iniciativa do Goberno galego de que, a través dun texto legal, normalice e regule o contido dun sector económico esencial como é a minaría”. Asemade, asegurou que esta nova lei “dá certidume , claridade e sinceridade aos axentes implicados na actividade mineira”.

Víctor Cobo. // Foto: Carlos Asensio.

Para avalar as súas palabras, o presidente do Clúster da Lousa de Galicia apoiouse en datos do seu ámbito. Asegurou que o pasado ano “superamos en exportacións os 151 millóns de euros”. No eido dos postos de traballo, informou que a lousa dá 2.400 postos “de xeito directo”, concentrados na súa meirande parte na comarca de Valdeorras, e case 10.000 “de xeito indirecto”. “Estes datos sitúan á nosa comunidade como líder no sector en todo o territorio nacional e a nivel mundial”, sentenciou.

Pero para os representantes do sector, esta lei tamén vai favorecer ás PEMES “presentes e futuras”, dixo a vicepresidenta do Clúster do Granito, Mónica Rodríguez, que asegurou que a meirande parte das empresas do sector extractivo son familiares: “o 95% son PEMES galegas con capital galego”, dixo. En concreto, esta nova lei, asegurou, “vai favorecer promovendo novos investimentos e axilizará os procesos administrativos, reducindo os prazos para a concesión de dereitos mineiros”. Segundo dixo Juan de Dios Martín, presidente da Cámara Mineira, os procesos actuais “tardan unha media de cinco anos en realizarse, sendo xenerosos”.

Asemade, Rodríguez asegurou que esta lei que se está a debater aporta “garantías financeiras tanto para o terreo afectado como para a restauración do proxecto”, garantindo a sostenibilidade das extraccións.

Para rematar, o vicepresidente da Asociación Galega de Áridos, Alberte Nóvoa, apoiouse nas palabras de Mónica Rodríguez e reiterou que coa Lei de Fomento de Iniciativas Empresariais en Galicia “dáse unha garantía xurídica” ao mesmo tempo que “minguará ese tempo de implantación, pero mantendo as garantías ambientais e de seguridade dos traballadores”. En canto ás cifras, Nóvoa estimou que, de saíres adiante esta lei, o sector “estará xerando 800 novos postos de traballo directos en Galicia inmediatos” e ademais favorecerá “a un incremento do 150 millóns de euros no PIB da nosa comunidade”.

Juan de Dios Martín durante a súa intervención. Ao lado, Víctor Cobo e Mónica Rodríguez. // Foto: Carlos Asensio.

Con todas estas aportacións e datos, o presidente da Cámara Mineira, Juan de Dios Martín, sinalou na súa intervención que a minería “é unha actividade esencial para a nosa terra”, asegurando que “continúa a ser un exemplo de integración social, ambiental e territorial, contribuíndo de xeito determinante á dinamización de moitos núcleos do rural”. Para rematar, Juan de Dios Martín sentenciou que “sen minería non hai nada”, e que por iso apoian esta nova Lei.

Xornada técnica

Alberto Nóvoa, vicepresidente da Asociación Galega de Áridos, anunciou que o vindeiro luns, 16 de outubro, celebrarán unha xornada técnica na CEO “con alcaldes de distintos municipios, representantes do sector universitario, membros de colexios profesionais e voces autorizadas” que van tratar esta cuestión da nova Lei “que temos esperanza que sexa aprobada no Parlamento”, concluíu.

Texto e fotos: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button