En portadaÚltima hora

Paula Carballeira abrirá o 30 de xuño o 5º De Perto no Barco, adicado á palabra

A concelleira de Cultura vén de presentar o verán cultural deste concello valdeorrés
A concelleira de Cultura do Barco, Margarida Pizcueta, cos carteis das diferentes actividades culturais previstas para este verán./ Foto: Ángeles Rodríguez.

En torno á oralidade xirará a quinta edición do programa “De Perto”, que se desenvolverá do 30 de xuño ao 21 de xullo no Barco. Así o anunciaba a concelleira de Cultura do Barco, Margarida Pizcueta, na presentación do programa de actividades culturais que se desenvolverán neste verán no municipio.

“Serán oito propostas artísticas potentes e de pequeno formato dedicadas á palabra contada, cantada e rimada. Faranse en espazos públicos ao aire libre entre os días 30 de xuño e 21 de xullo, todas elas ás 22:30h.”, comentaba Pizcueta. A primeira desta actuacións virá da man da coñecida actriz e narradora oral Paula Carballeira co espectáculo “Os contos que non me contaron”. Está inicialmente prevista na praza do Sagrado (a situada tras a igrexa de San Mauro), pero en caso de choiva o acto desprazarase ao Teatro Lauro Olmo.

“Contará historias buscadas nas persoas que coñece e nas que non coñece, nas paisaxes que ve e nas que imaxina. O currículo desta artista é impresionante, penso que é unha actividade que ninguén debería perder e convido á xente a que nos acompañe nesta e nas outras propostas”, apuntaba a concelleira de Cultura barquense.

A narradora oral Paula Carballeira estará no Barco o venres 30 de xuño.

O ciclo de “De Perto” continuará o 4 de xullo coa contadora Soledad Felloza (praza do Sagrado) que compartirá a súa “Xeografía do imaxinario”, o 7 de xullo Talía Teatro representará “Bicos con lingua” (Xardín da Casa Grande de Viloira), o 11 de xullo Cándido Pazó traerá o seu espectáculo “Como cho conto” (Xardín da Casa Grande de Viloira), o 14 de xullo Vero Rilo achegará a súa proposta de contos, cantos e música sobre a figura das “Lavandeiras” na beira do río Sil (Malecón), o 18 de xullo tocaralle o turno á poesía de Aldaolado con “Pendanga e oso” (beira do Sil) e o programa completarase o 21 de xullo coa música do trío Tres Pesos (praza do Castelo do Castro).

Un dos momentos da rolda de prensa./ Foto: Ángeles Rodríguez.

Ademais o verán cultural do Barco incluirá as “Noites de Cine ao aire libre”, con oito filmes para nenos e adultos que se proxectarán do 29 de xullo ao 17 de agosto a partires das 22:45h. na praza Maior do Barco. Esta iniciativa será organizada pola Concellería de Cultura en colaboración co Cine Club Groucho Marx.

Tampouco faltarán os bailes de verán os domingos (sempre e cando nesa fin de semana non haxa festas na zona) a partires das 19:30h. na praza Maior. Asemade o Concello do Barco colaborará con diferentes propostas culturais e festivas que se desenvolverán ao longo verán no concello, entre elas, unha xornada que se celebrará en Éntoma o 7 de xullo que leva por título “Éntoma no século XVII e XVIII”.

Máis información na edición en papel do Periódico O Sil.

Artigos relacionados

Back to top button