CulturaCulturaÚltima hora

Pazos de Arenteiro retrocede ata 1809 para librar unha batalla

Esta vila viaxará atrás dous séculos, os días 19 e 20 de agosto, para conmemorar o 208 aniversario da batalla que tivo lugar durante a Guerra da Independencia
Patricia Torres, Manuel Doval e Rebeca Carreiro.

A vila de Pazos de Arenteiro viaxará cara atrás no tempo, dous séculos concretamente, os vindeiros días 19 e 20 de agosto, para celebrar a festa “1809 A Batalla”, a primeira festa histórica que celebra esta localidade que traerá ao século XXI as vivencias daqueles anos, para conmemorar o 208 aniversario da Batalla que tivo lugar da Guerra de Independencia.

Na presentación de hoxe, 16 de agosto, a concelleira de Turismo de Boborás, Patricia Torres, asegurou que esta celebración “vai ser un éxito, pois foron moitas as persoas que nos chamaron de fóra de Galicia para interesarse por ela”. Asemade, a edil tamén agradeceu a colaboración dos “máis de cen voluntarios que estarán a traballar eses días para representar todos os episodios que se viviron naquela época”.

Pola súa banda, a representante de Sustinea, Rebeca Carreiro, dixo que esta celebración aposta “polo desenvolvemento local sostible e persegue a dinamización de todo o núcleo poboacional da vila, participando nela veciños da localidade e outras aldeas de arredor”.

A programación da festa comezará o día 19 de agosto, ás 12:30 horas, co pregón da man do Bando Francés no Palenque. O mercado abrirá as súas portas ás 12:00 horas ámbolos días. Ademais tamén haberá actividades na rúa, o campamento do exército francés, teatro, unha mostra de esgrima, monólogos, música popular, obradoiros e postos de comida e artesanía, “un completo programa que rematará o domingo, 20 de agosto, ás 20:00 horas coa celebración da batalla final “fouces contra mosquetóns” na Ponte”, sinalou Rebeca Carreiro.

Finalmente, o deputado de Cultura, Manuel Doval, quen lembrou as heroicas accións do Capitán Cachamuíña e a defensa que fixo pola súa terra, dixo que con esta celebración “Boborás pon en valor este feito histórico a través dunha iniciativa cultural que aglutina teatro, música, obradoiros e un completo elenco de actividades para o gozo de tódolos asistentes”.

Artigos relacionados

Back to top button