ConcellosÚltima hora

Percorrido polos fornos e fontes de Celavente

A VIII edición da ruta celebrarase o sábado 2 de maio a partires das 13h.
Participantes na edición do 2014 en plena ruta por Celavente. /Foto: Carlos G. Hervella.
Participantes na edición do 2014 en plena ruta por Celavente. /Foto: Carlos G. Hervella.

En Celavente (O Bolo) están ultimando unha nova edición da Ruta dos Fornos prevista para o sábado 2 de maio, unha iniciativa da ACAR (Asociación Centro de Animación Rural de Celavente) que nacía hai oito anos, co obxectivo de dar a coñecer os recursos cos que conta este pobo do concello do Bolo, tanto naturais, como arquitectónicos e por suposto gastronómicos, cun percorrido polos fornos e fontes comunais nos que se poderán degustar diferentes produtos.

Seguindo a mesma liña dos anos anteriores, a ruta arrancará na estrada (en fronte do bar Rodríguez) e percorrerá uns 4.400 metros polos diferentes barrios do pobo, atravesando soutos, camiños e rúas do centro, ata rematar na praza onde conclúe a festa coa actuación da charanga e dunha discoteca móbil que en cada edición amenizan o baile.

No interior dun dos fornos de Celavente. /Foto: Carlos G. Hervella.
No interior dun dos fornos de Celavente. /Foto: Carlos G. Hervella.

En torno ás 13h, diante da carpa na que se recollerán e venderán as entradas e entregaranse as tazas aos asistentes, darase o pistoletazo de saída coa lectura do pregón a cargo de Juan Corzo. Trala lectura e seguindo o ritmo da charanga comezará o percorrido rumbo ao primeiro dos fornos, o do Viduedo. Alí, degustarase o primeiro dos produtos: chourizo asado con pan e viño ou auga. A seguinte parada, tamén na parte alta do pobo será no Forno dos Ortos onde se poderá degustar empanada e de novo viño e auga.

Xa na parte baixa da vila, está o Forno de Outeiro con orella e morro cocidos (pan e bebida). A seguinte parada será a Adega da Capilla á que se chega pasando por antigas viñas e soutos de castiñeiros, na que se poderá degustar o doce de crema de castañas. Baixando uns metros máis está o Forno do Fondo no que terán preparado xamón asado. O percorrido complétase cos fornos do Campo no que servirán torta de roxóns e licores, e o do Cima con roscón e máis licor para endozar os padais dos camiñantes.

Máis información na edición en papel do Periódico O Sil.

Artigos relacionados

Back to top button