EconomíaEconomíaGalerías de fotosÚltima hora

Peregrinos murcianos fan parada no Pazo do Castro rumbo a Compostela polo Camiño de Inverno

Da man da asociación Aguitura, 52 veciños de Cartagena percorren a comarca de Valdeorras

Atraídos pola paisaxe, pola gastronomía, fuxindo da masificación doutras rutas ou simplemente por coñecer lugares novos, cada vez é maior o número de peregrinos que apostan polo Camiño de Inverno para chegar ata Santiago de Compostela. A motivación de cada un é diferente (relixiosa, tutística, deportiva,…) pero esta ruta que entra en Galicia pola comarca de Valdeorras notou o aumento de fluxo dende o seu recoñecemento oficial como Camiño Xacobeo, malia sufrir aínda grandes deficiencias.

Os camiñantes chegan dende diferentes partes do mundo (incluso de Xapón ou Estados Unidos) e por suposto de toda España. De forma individual, en parella ou en grupo, percorren dos 264 quilómetros que separan Ponferrada (León) de Compostela. Neste último apartado englóbanse os 52 peregrinos chegados dende Cartagena (Murcia) que na tarde do 19 de xullo facían parada no Hotel Monumento Pazo do Castro, no Barco de Valdeorras, despois de completar a segunda etapa do Camiño de Inverno. “Comezamos en Ponferrada ata Las Médulas e hoxe fixemos Las Médulas-O Barco de Valdeorras”, explica Isabel Martínez, presidenta da asociación Aguitura (especializada na organización de viaxes e no sendeirismo), responsable xunto ao seu marido, Bartolomé Carmona, do grupo.

Isabel explica que a asociación leva funcionando vinteún anos e cada ano fan o Camiño de Santiago por un sitio distinto. “Ten moita aceptación e practicamente fixémolos todos. Quedábanos este, o de Inverno recentemente homologado e este ao decimos facelo. O ano que vén toca o Camiño do Faro e despois estamos pensando no Portugués pola Costa da Morte”, di.

Dividido en nove etapas (dúas menos das que figuran na guía), cun autobús de apoio e pernoctando en hostais e hoteis, despois do Castro, irán parando en lugares máis preparados porque se algo botan en falta é infraestrutura. “Sinalización non lle falta, é perfecta, difícil perderse, pero a infraestructura é escasa, case non hai bares, nin albergues, aínda que nós quedamos en lugares xa concertados”, explica Isabel, asegurando que de Galicia gústalles a xente “notamos moito cambio coa de León que é máis fría”, e sobre todo a gastronomía “é espectacular. Viaxamos a Galicia dúas ou tres veces ao ano e ímonos alucinados”, din, enganindo que tamén lles gusta a paisxe e o clima. “Encántanos Galicia”. E mostra delo son as numerosas viaxes que levan feito, primeiro para inspeccionar a ruta en cuestión, despois para organizar a viaxe e por último acompañando aos camiñantes, así durante dúas décadas.

Se todo vai segundo o previsto, nuns días chegarán a Compostela, despois de visitar os lugares máis fermosos e agochados do percorrido e desfrutar da boa comida. Bo Camiño!

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button