EconomíaEconomíaEn portadaÚltima hora

Petín acolle esta noite a XVIII edición da Festa da Freba

A cita gastronómica comezará a partires das nove da noite na carpa a carón da Casa da Cultura
Servindo a freba na pasada edición da festa. /Foto: Carlos G. Hervella.

Se existe un animal do que se pode aproveitar cada parte do corpo, é o porco. Ademais de poder degustalo en fresco, tamén se pode gardar en salazón e elaborar embutidos de todo tipo. Pero se hai unha parte especialmente suculenta cando se asa á grella, é a freba. Unha parte do porco que en Petín levan case vinte anos exaltando.

A Festa da Freba celébrase hoxe, xoves día 7 de decembro, en plena ponte da Constitución, nas inmediacións da Casa da Cultura (antigo Teleclub).

Seguindo o mesmo formato dos últimos anos, a XVIII edición da cita gastronómica terá lugar a partires das nove da noite, na carpa instalada e acondicionada para a ocasión. Alí, coma sempre, estarán os voluntarios do pobo, que grazas ao seu labor fan desta cita, todo un éxito. En torno ao medio cento de persoas de todas as idades, reúnense para facer os preparativos. Colocar as mesas, poñer os servizos, as sillas, preparar o pan, o viño e por suposto, facer a comida. Un deses voluntarios que vemos cada ano a carón das brasas, preparando as frebas de porco, é Guzmán Murias, o responsable de Industrias Cárnicas Murias que é ademais quen se encarga do abastecemento de carne para a festa. El mesmo ten asegurado que a súa empresa participa dende que empezou hai xa dezaoito anos e normalmente empréganse uns 500 quilos de frebas e sobre 250 de chourizos.

A freba é o prato forte da noite, pero non o único. O menú comeza cun consomé fumegante seguido dun bo chourizo cocido e xa despois a freba, a fartar. De postre a tradicional ucheira elaborada pola panadería Querol que tamén se encarga do pan. Ademais de viño, tamén a esgalla, e por suposto os licores. O prezo das entradas mantense nos 10 euros, entregándose a cada asistente (entre os que cada ano hai máis xuventude), unha cunca de barro e unha navalla con coitelo e garfo.

O apartado musical da velada tamén repite e será a Disci Stuu quen de encarge de amenizar a festa trala cea “ata que o corpo aguante”.

Máis información na edición en papel do Periódico O Sil.

Artigos relacionados

Back to top button