ConcellosÚltima hora

Petín prepárase para as festas

A actuación da orquestra local A Sonora Petinesa, un dos primeiros actos do programa
Procesión en Petín coa imaxe de Santa Ana nas festas do pasado ano./ Foto: Carlos G. Hervella.
Procesión en Petín coa imaxe de Santa Ana nas festas do pasado ano./ Foto: Carlos G. Hervella.

Do 24 ao 26 de xullo, a localidade valdeorresa de Petín honrará aos seus patróns Santiago Apóstolo e Santa Ana cun completo programa de actos. Así, o venres día 24 pola tarde-noite, será a propia orquestra orixinaria de Petín, A Sonora Petinesa, a que abra o apartado musical das festas coa actuación en sesión de tarde e tamén verbena, tal como vén facendo dende a súa formación alá polo ano 2012.

De feito esta orquestra nacía hai tres anos da idea dun grupo de amigos de Petín, incluído o seu alcalde, Miguel Bautista, para facer un día máis de festa durante o Santiago e Santa Ana. Foi tal o éxito acadado, que non tiveron máis remedio que repetir actuación na XIII edición da Festa da Freba no mes de decembro dese mesmo ano. Actuaron de novo nas festas patronais do seguinte ano e tamén no 2014 así como na correspondente edición da Festa da Freba, converténdose no centro de atención nas dúas principais citas festivas no concello de Petín. Tamén este ano serán os protagonistas do primeiro día de festas para deleite do público e dos seus fans, que poderán seguir a súa actuación musical cun variado repertorio baseado nas inesquecibles verbenas do anos 60, 70, 80 e tamén 90, xa que cada ano aumentan o repertorio con temas dunha nova década. Ademais este ano contarán con novas incorporacións que de seguro sorprenden positivamente a máis dun.

Despois dos bailes que veciños e visitantes botarán ao ritmo da Sonora Petinesa, chegará o día grande da festa e festivo autonómico, o sábado 25 de xullo, Santiago Apóstolo. Xa de boa mañá as bombas de palenque anunciarán a festividade, que terá un dos principais momentos na procesión coa imaxe do Apóstolo polas rúas de Petín prevista para as 12:30h. Ao rematar, na igrexa terá lugar a eucaristía que estará musicalmente amenizada polo coro parroquial. Ese día pola tardiña, cando o sol comece a retirarse tralas montañas, a orquestra Esencial fará acto de presenza na praza para amenizar o baile en sesión de tarde e tamén verbena.

Esa mesma programación repetirase ao día seguinte, domingo 26, festividade de Santa Ana. A procesión coa imaxe da santa comezará ás 12:30h. para rematar na eucaristía cantada de novo polo coro parroquial, que harmoniza toda eucaristía solemne que se celebra na igrexa de Petín. A orquestra que fará bailar aos veciños e visitantes que se acheguen ata a praza Doutor Quiroga ese día será Podium, encargada de poñer o broche a esta edición das festas de Santiago Apóstolo e Santa Ana.

Máis información na edición en papel do Periódico O Sil

Artigos relacionados

Back to top button