OurenseÚltima hora

Un Plan Estratéxico para o sector forestal da Xunta idenfiticará as oportunidades da madeira

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, aproveitou a inauguración dunha xornada sobre a industria forestal no Centro Cultural “Marcosl Valcárcel”
Luis Calamés,Rosendo Fernández,Francisco Conde, Venancio Salcines. // Foto: Carlos Asensio.

O Centro Cultural “Marcos Valcárcel” acolleu na mañá de hoxe, 27 de novembro, unha xornada titulada “Industria Forestal en Galicia:retos e oportunidades. Esta xornada, organizada polo Grupo Colmeiro, reuniu aos principais axentes implicados na industria forestal de Galicia, co obxectivo de realizar unha diagnose da situación actual do sector e avanzar en propostas cara ao aproveitamento das oportunidades que este ofrece.

O acto inaugural correo a cargo do conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde; o profesor titular de Teoría Económica da UdC e vicepresidente do Grupo de Análise e Debate “Manuel Colmeiro”, Venancio Salcines; o catedrático de Facenda Pública da USC e coordinador do grupo, Luis Caramés, e o vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández.

Venancio Salcines resumiu no seu discurso que estas xornadas serven para abordar a industria forestal galega a través da problemática demográfica da comunidade “en especial na provincia de Ourense”, e a perda de poboación do rural. Neste senso, cualificou este problema como “unha sangría” e reiterou que para parala “temos que converter o sector industrial no que o campo xa de por si nos pode ofrecer”.

Pola súa banda, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, aproveitou a ocasión para anunciar que a Xunta vai aprobar no 2018 un plan estratéxico para este sector. Conde puxo en manifesto que o Goberno galego “aposta por revalorizar a cadea monte-industria” e reiterou que o sector forestal galego ofrece un recurso moi abundante “como é a madeira e a industria que xira ao seu carón”. No eido do plan estratéxico, o Conselleiro explicou que “vai recoller todas as medidas para dar pulo a industria forestal, mellorando a innovación tecnolóxica, a modernización da industria e as diferentes iniciativa que a poden facer competitiva dende o punto de vista dos novos mercados”.

Por este motivo, dixo Conde, a Xunta de Galicia vén de crear a Axencia Galega da Industria Forestal, que ten esa función de impulsar “a innovación tecnolóxica e a creación de novas empresas, para mellorar a competitividade e axudar a transformar o medio rural”. En concreto, esta Axencia ten plantexadas para o 2018 “dúas medidas importantes”, sinalou Francisco Conde. Esas serán as de levar a cabo un plan estratéxico específico, “para levar a cabo medidas concretas para o uso da madeira” e onde o CIS Madeira, situado no Polígono de San Cibrao, “será fundamental para acompañar as necesidades do sector”. A segunda medida é a relativa á formación que dará resposta “a novos perfís profesionais que demandan as empresas desta industria”, así como á reciclaxe de postos laborais que se van quedando obsoletos por causa das novas tecnoloxías.

Normativa

A Lei de implantación empresarial “vai ser o estímulo para facer crecer o sector forestal galego desde o máximo respecto ao medio ambiente”, dixo o conselleiro. Segundo explicou, trae consigo unha maior axilidade administrativa que, no caso desta industria, “vai permitir menos tramitación á hora de autorizar as cortas”. É dicir, unha xanela única para non ter que sortear as máis de 6 fases de autorización que se precisaban ata o de agora, ou para evitar que existan diferentes procedementos de corta segundo o concello onde se solicite; o que garante unha maior igualdade de oportunidade entre os produtores.

Esta normativa tamén amplía o réxime sancionador ante calquera incumprimento e nas zonas de servidume de espazos protexidos facilita a corta de árbores non autóctonas, protexendo as que son propias da nosa xeografía.

Conde indicou que a metade da madeira que se corta en España é galega, e que a cadea monte industria representa ao redor do 2% da economía da Comunidade e o 2,3% do emprego. Este dato, asegurou, dá conta de que estamos ante un recurso natural que cómpre protexer pero do que tamén cómpre impulsar a súa vertente socio-económica porque é o mellor modo de defendelo e de ofrecer calidade de vida e progreso ao rural galego, concluíu.

Texto: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button