SanidadeÚltima hora

A Plataforma Sanitaria de Valdeorras chama á mobilización contra a reforma da Lei de Saúde galega

Esta agrupación vén de facer público un comunicado no que se pide a retirada do anteproxecto que modifica a citada norma

 

Representantes da Plataforma Sanitaria de Valdeorras na reunión na que se elaborou o comunicado./ Foto cedida.

“A área de Valdeorras non se desmantela, a sanidade deféndese”. Deste xeito comeza o comunicado que, tras a asemblea celebrada o 16 de agosto, vén de facer público a reactivada Plataforma da Sanidade Pública de Valdeorras. No seu texto incídese nas consecuencias que para a área sanitaria de Valdeorras terá o anteproxecto de Lei polo que se modifica a Lei 8/2008, do 10 de xullo, de Saúde de Galicia, que suporá a desaparición da área sanitaria de Valdeorras.

O anteproxecto, di o comunicado, “reformula a ordenación actual cara un modelo máis concentrado e que perde atención ás comarcas e áreas sanitarias rurais e semiurbanas. A proposta pretende retirar da lei as delimitacións sobre áreas sanitarias, e as especificacións sobre funcións, características e fundamentos da súa relevancia, creando unha nova división entre áreas, distritos e zonas que, como se apunta na propia proposta de modificación, quedarán a expensas de ser determinadas “por decreto do Consello da Xunta” (modificación dos artigos 67 e 70). Ao fío desta nova delimitación do mapa sanitario, quedan no aire as áreas sanitarias especialmente sinaladas, que son as de O Salnés, Mariña Lucense, Monforte e Valdeorras, por ser áreas comarcais ás que se abre a porta da perda de servizos a favor das concentracións de servizos nos Centros Hospitalarios das grandes urbes”.

 

Os representantes da Plataforma Sanitaria de Valdeorras xuntábanse na mañá do 17 de agosto, tras o acordo tomado na asemblea do día anterior./ Foto cedida.

 

Tamén se considera dende a plataforma que “a gravidade das propostas de modificación en participación e definición do mapa sanitario, así como noutras áreas como inspección ou investigación, fai necesario abrir un debate profundo na busca do acordo sobre as modificacións deste nivel nunha lei de tal relevancia. Por esta cuestión, resulta imprescindible que este procedemento modifique o camiño iniciado neste pasado 2 de agosto”.

Neste senso a Plataforma Sanitaria de Valdeorras chama a mobilizarse para pedir tres cuestións concretas. En primeiro lugar, a “retirada do anteproxecto de lei de modificación da Lei 8/2008 do 10 de xullo de saúde de Galicia”. Tamén se pide “desenvolver e dotar de orzamento da actual lei de saúde” e a formación, a nivel galego, “dun grupo de traballo, que inclúa a representantes de todos os partidos políticos con representación no Parlamento de Galicia, Fegamp, sindicatos, asociacións de pacientes, colexios profesionais da sanidade e outros colectivos de relevancia no eido sanitario galego, para determinar as posibles necesidades de modificación da lexislación sanitaria”.

Máis información:
https://osil.info/plataforma-da-sanidade-publica-de-valdeorras-reactivase-loitar-reforma-da-lei-de-saude/
https://osil.info/barco-pedira-retirada-anteproxecto-de-reforma-da-lei-de-saude-de-galicia/

Artigos relacionados

Back to top button