SanidadeÚltima hora

A Plataforma Sanitaria de Valdeorras intensificará as mobilizacións contra a reforma da Lei de Saúde

Este mércores tiña lugar unha nova concentración, tras a aprobación no Consello da Xunta do proxecto que reforma a actual lei

“Seguimos loitando por unha sanidade pública, solidaria, de calidade, e de proximidade aos cidadáns. Chamamos á poboación a salvagardar ese dereito coas súas decisións e accións” porque, “a día de hoxe, a igualdade e o dereito á atención sanitaria no rural galego atópanse en perigo”. Con esta mensaxe concluía o manifesto que o portavoz da Plataforma Sanitaria de Valdeorras, Orlando Saavedra, lía durante a concentación celebrada no mediodía do 13 de decembro diante do Hospital Comarcal Valdeorras, no Barco, para pedir a retirada do proxecto de reforma da Lei de Saúde de Galicia, que inclúe a supresión da área sanitaria do Barco.

“Non renunciaremos á capacidade de participación e de control da xestión desde as comarca. As concentracións masivas de cidadáns reclamaron “Somos Áreas”. Non podemos desvirtuar esa reivindicación, temos que enchela e darlle contido político correcto”, sinalaba Saavedra.

Ademais anunciaba que se van intensificar as mobilizacións nos diferentes concellos do oriente ourensán contra este proxecto de reforma da lei, que se aprobaba o pasado 7 de decembro no Consello da Xunta. “Estaremos presentes nas feiras e tamén poremos buzóns de recollida de reclamacións nos centros de saúde”, adiantaba o portavoz da Plataforma Sanitaria Valdeorresa.

Artigos relacionados

Back to top button