OurenseÚltima hora

“Platea”, corenta fotografías que achegarán o cinema a Ourense durante o OUFF

A mostra está situada na Praza do Bispo Cesáreo e xa percorreu máis de dez festivais de cine de toda España

Ourense xa respira cinema. A poucas semanas de que arranque o Festival de Cine Internacional de Ourense (OUFF) -20 de outubro-, as rúas da capital xa se enchen do ambiente da sétima arte. En concreto, a Praza do Bispo Cesáreo, “baixo a mirada de Blanco Amor, amante da fotografía”, dixo o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez; na presentación de hoxe, 4 de outubro, a exposición fotográfica “Platea” propón 40 visións de 40 fotógrafos “sobre distintos aspectos do cinema”, explicou a comisaria da mesma, Blanca Berlín.

Pola súa banda, o director do OUFF, Fran Gallo, asegurou que “Platea” serve como “preambulo do OUFF”, que se vai inaugurar o vindeiro 20 de outubro “coa proxección de ’30 Lumes’ de Diana Toucedo”, explicou o director.

Esta mostra de rúa está promovida por Acción Cultural Española, unha sociedade dependente do Ministerio de Cultura, Educación e Deporte, e que xa leva máis de tres anos percorrendo diferentes festivais de cine de toda España: “estivemos en San Sebastián, Sevilla, Málaga, Xixón, A Coruña…”, enumerou o coordinador de proxectos desta entidade, José Manuel Gómez. Tamén explicou que o obxectivo é que “esta exposición forme parte de todos os festivais de cine de España”.

Neste senso, a comisaria da exposición, Blanca Berlín, salientou que cando lle encargaron esta mostra, “pedíronme algo que representase aos festivais de cine e que os achegase a través da fotografía”. Por este motivo arrancou a organización lembrando a frase de Godart: “a fotografía é verdade e o cinema é verdade 24 veces por segundo” e por iso buscou achegar “a complicidade entre estas dúas disciplinas irmás que utilizan un recurso común que é a luz”, contou.

Texto e fotos: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button