Galerías de fotosOurenseÚltima hora

(Vídeo) A Policía detén a tres homes por cultivar 3.858 plantas de marihuana nunha nave do Polígono de San Cibrao

En total foron cinco os detidos, dous deles en Madrid, dentro do marco dunha operación antidrogas

A Policía Nacional desarticulou unha banda de cinco persoas que se dedicaban a cultivar plantas de marihuana nunha nave de San Cibrao das Viñas, en Ourense. Os axentes incautaron onte, 10 de outubro, un total de 3.858 plantas de marihuana e acusaron a eses cinco detidos de seres os presuntos autores dun delito contra a saúde pública.

As detencións foron na madrugada do 10 de outubro. Os rexistros foron realizados na provincia e un en Madrid. Na entrada á nave de Ourense, os axentes detiveron a tres persoas chinesas que estaban a cargo desta plantación ilegal. No rexistro de Madrid foron detidas as dúas restantes. Finalmente o xuíz decretou o ingreso en prisión dos tres detidos en Ourense na tarde de hoxe, 11 de outubro.

Segundo aportan fontes policiais, a banda acondicionou devandita nave “cun sofisticado circuíto ilegal eléctrico, así coma unha complexa rede de extractores para evitar a detección da plantación”. Asemade, na planta baixa desta nave había varios habitáculos, contan, acondicionados como dormitorios e cociña, “na que se atoparon grandes cantidades de comida”, aseguran dende a Comisaría.

En canto a ese sofisticado circuíto de aire e filtros de carbono para evitar os olores. Os axentes sinalaron que nesta nave “deron un paso adiante” para dificultar a detección. Para que non os descubrisen pola calor irradiada polas lámpadas, os detidos “compartimentaron a superficie da nave en habitáculos en modo ‘ortos’ onde se atoparon as plantas en distinto estado de desenvolvemento” todos illados e con sistemas de refrixeración “de modo que eliminan case por completo a sensación de calor, dificultando o uso de cámaras térmicas”, explicaron.

No eido das medidas de seguridade, a banda colocou cámaras para controlar os movementos de persoas e vehículos no exterior da nave, “cuxo visionado facíase dende o monitor instalado nun dos compartimentos que facía, ás veces, de dormitorio dun dos detidos”, contaron fontes policiais.

Os arrestos foron feitos en Ourense e en Madrid. Dende a Comisaría de Ourense reiteran que esta supón a terceira fase dunha investigación que arrancou tras as detencións practicadas nos meses de setembro e xullo deste ano, “cuxo número ascende a 33 individuos detidos até o de agora no territorio nacional”.

Devanditas investigacións permitiron que os axentes atopasen esta nave en San Cibrao, acondicionada para o “cultivo in door” de marihuana, ademais de dispor de dous pisos de seguridade, un en Madrid e outro en Ourense.

 

Artigos relacionados

Back to top button