EconomíaEconomíaÚltima hora

Portugal será o país convidado de Xantar 2018

O Salón Internacional de Turismo Gastronómico, que se celebrará en Expourense do 31 de xaneiro ao 4 de febreiro, convida a este “socio estratéxico” que estivo presente dende a primeira edición
A elección fíxose pública hoxe no marco do Fam Press organizado por Turismo Porto e Norte.

O Salón Internacional de Turismo Gastronómico, Xantar, pecha o círculo da súa maioría de idade facendo protagonista a Portugal. O país veciño será, por tanto, o invitado nesta décimo novena edición, que se celebrará en Ourense entre o 31 de xaneiro e o 4 de febreiro do próximo ano.

Esta elección de Portugal como país invitado foi anunciada hoxe, 19 de outubro, en Arcos de Valdevez no marco dun Fam Press organizado pola Entidade de Turismo Porto e Norte, principal socio estratéxico luso do único salón internacional de turismo gastronómico de España. O anuncio correu a cargo do director de Xantar, Alejandro Rubín, que estivo acompañado pola directora de Turismo Porto e Norte, Isabel de Castro; polo presidente da Cámara Municipal de Arcos de Valdevez, Joao Manuel Esteves, e polo seu concelleiro de medio ambiente, Olegario Gonçalves.

Portugal estivo presente en Xantar desde a súa primeira edición e foi aumentando progresivamente a súa participación, tanto en número de restaurantes como de expositores ou visitantes, ademais da presenza de delegacións empresariais relacionadas co turismo e a gastronomía de distintas partes do país.

Segundo apuntan dende a organización do salón, a Entidade de Turismo Porto Norte é o principal socio estratéxico de Xantar no país veciño e facilita cada ano a participación de numerosas cámaras municipais lusas que acoden ao salón con caseta e organizan múltiples showcookings, catas comentadas e degustacións para promocionar o turismo de proximidade.

Espérase “a masiva presenza de expositores, destacando na oferta da restauración da próxima edición, e de visitantes deste país, así como a representación da gastronomía e o turismo de todas as rexións lusas, peninsulares e insulares”, apuntan dende a organización.

Trátase, din, dunha elección que ten un compoñente emocional pola unión que sempre existiu entre Galicia e Portugal, pero tamén estratéxica, xa que é o principal mercado emisor de turistas estranxeiros a Galicia. E ao mesmo tempo, a Eurorrexión Galicia- Norte de Portugal conforman un destino único cunha oferta enogastronómica de calidade para situarse internacionalmente.

Artigos relacionados

Back to top button