Galerías de fotosOurenseÚltima hora

A Praza Maior de Ourense acolle a batalla dos Compadres entre nenos e nenas

O Entroido arranca en Ourense. O Xoves de Compadres viviuse con intensidade na capital. Cara ás doce da mañá, a Praza Maior de Ourense encheuse dun centenar de alumnos e alumnas de 2º, 3º e 4º curso de Educación Primaria dos centros CEIP Irmáns Villar e CEIP Prácticas. Como marca a tradición, as nenas levaron os seus compadres feitos a man con papel de xornal e ornamentados da maneira máis imaxinativa posible e os nenos tiñan que arrebatarllos. Poucas foron as que conseguiron salvar o seu compadre das mans dos rapaces, aínda que si houbo algunha que logrou que o seu boneco saíse ileso.

A concelleira de Cultura, Belén Iglesias, tamén participou nesta batalla tradicional ourensá. Agora, a semana que vén, será a quenda das comadres, e as nenas poderán vingarse arrebatándolle as bonecas aos rapaces.

Artigos relacionados

Back to top button