CulturaCulturaÚltima hora

O prazo para participar no concurso do cartel do II FIC-Vía XIV de Verín remata o 31 de outubro

O Festival Internacional de Curtas celebrarase do 1 ao 10 de decembro

Co mesmo formato da primeira edición pero con moitas novidades se presenta o II Festival Internacional de Curtas Vía XIV que se celebrará do 1 ao 10 de decembro en Verín. A primeira é precisamente a ampliación dos días nos que se celebrará, que pasa de sete a dez, e que responde a un aumento das actividades complementarias que se organizarán ao abeiro do Festival, que contará, ademais de coas proxeccións cinematográfricas, con obradoiros para nenos e adolescentes, foros de debate, obradoiros profesionais e mesas redondas, entre outras.

A II edición do festival tamén contará con cambios nas categorías que este ano serán catro: Entroido-Outra Mirada; Migración/ Fronteira-Horizontes; Nova; e Galego/ Portuguesa-A Raia.

Outra das novidades desta edición é a convocatoria dun concurso para a realización do cartel que constituirá a imaxe do festival, que ten como obxecto “estimular a creatividade de artistas, deseñadores e de calquera persoa que queira presentarse, así como fomentar a difusión da imaxe do certame a nivel nacional e internacional e de dar a coñecer as obras daqueles artistas que participen nel”, explican dende a organización, engadindo que poderán presentarse obras ao longo de todo o mes de outubro. Obras que darán forma a unha das actividades complementarias do festival: unha exposición que permanecerá aberta ao público co obxectivo de fomentar a cultura na vila “ofrecendo distintas actividades ao redor da celebración do Festival de Cine”.

O concurso utilizará o sistema de plica pechada para a presentación de obras. Unha vez recibidas todas as propostas, o xurado elixirá unha única obra ganadora que obterá un premio de 500 euros e será a imaxe da II edición do Festival. Formarán parte do xurado, o equipo directivo do propio Vía XIV-Festival de Curtas de Verín, o alcalde de Verín, Gerardo Seoane e o tenente de alcalde, Diego Lourenzo. A convocatoria permanecerá aberta ata o 31 de outubro.

Pódense consultar as bases na web do festival: http://ficviaxiv.com

Artigos relacionados

Back to top button