En portadaÚltima hora

Prealerta por seca na conca Miño-Sil

A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil tomaba esta decisió o 13 de xaneiro ante o escaso caudal circulante dos ríos e o baixo nivel dos encoros da demarcación

 

Aspecto actual do encoro das Portas, en Vilariño de Conso./ Foto: Carlos G. Hervella.

As imaxes dos ríos e dos encoros falan por si soas. A falta de precipitacións nos últimos meses na conca do Miño-Sil deu lugar a que os caudais de regatos e ríos sexan moi inferiores aos que se consideran normais para esta época do ano. Ante esta situación a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS) vén de activar o 13 de xaneiro o nivel de prealerta por seca e de convocar á Oficina Técnica da Seca.

“Aínda que as reservas acumuladas non poñen en risco o abastecemento a poboacións, si é necesario instar ás distintas institucións e á poboación en xeral do uso responsable do recurso”, tal e como se indica dende este organismo de conca.

O seu presidente, Francisco Marín, a proposta do xefe da oficina de Planificación Hidrolóxica (OPH), dictou a resolución mediante a que se ten decretado a prealerta por seca e constituíuse a Oficina Técnica da Seca da parte española da demarcación Miño-Sil, “atendendo ao Plan Especial de Actuacións en Situacións de Alerta e Eventual Seca, o cal prevé que, unha vez superados os umbrais de prealerta nos indicadores, o seguemento deste fenómeno extremo debe ser continuo”.

 

Outra vista deste encoro ourensán./ Foto: Carlos G. Hervella.

Este plan inclúe asemade unha serie de medidas adaptadas aos diferentes umbrais da seca e que deben ser comunicadas, á maior brevidade, ás delegacións e subdelegacións do Goberno, comunidades autónomas, deputacións, mancomunidades, municipios e a todos os concellos da conca Miño-Sil.

As medidas propostas son, entre outras, “o aforro de suministro en usos e destinos non prioritarios (rego de xardíns, baldeo de rúas), redución de presión nocturna en redes urbanas e reforzo dos controis de auga captada para o abastecemento que, debido ao escaso caudal, podería afectar á calidade”, segundo a confederación.

Artigos relacionados

Back to top button