ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

O pregón de Anxo Baranga inaugura a IV edición da Baco Festa, na Rúa

Durante a fin de semana o recinto feiral do Aguillón recreará o pasado romano da vila valdeorresa

Un ano máis e xa van catro, o centro da ponte da Cigarrosa, sobre o río Sil, servíu como punto de encontro entre alcaldes e concelleiros da Rúa e Petín, para iniciar o percorrido ata o recinto feiral no Aguillón. Así arrancaba, na tarde do 11 de agosto a IV edición da Baco Festa, a celebración na honra ao deus Baco, na que o viño se mestura coa gastronomía, a tradición e a cultura.

Acompañada pola música de Abertal e tras deixar a ponte, a comitiva encabezada polos alcaldes da Rúa, Luis Fernández Gudiña e de Petín Miguel Bautista Carballo, chegaba ao recinto feiral onde, ao longo da fin de semana se desenvolverá a festa, coa presenza dunha docena de adegas, postos de comida e artesanía.

A inauguración oficial tiña lugar diante do stand do Concello da Rúa, a cargo do alcalde e do pregoeiro desta edición, o valdeorrés Anxo Baranga (pintor, debuxante e gran afeccionado ao teatro), que falou dos diferentes deuses vencellados ao viño, do pasado romano da comarca, especialmente da Rúa, e tamén do asociacionismo. Sempre en clave de humor, o artista de Córgomo (Vilamartín de Valdeorras), lembrou asemade a figura do poeta Florencio Delgado Gurriarán “o noso deus da poesía”, protagonista da campaña comarcal para que lle sexa adicado un día das Letras Galegas.

A música na xornada inaugural da Baco Festa correu por conta dos Festikultores e das Xornadas de Folclore. O sábado abrirase o recinto ás 12h. e haberá xogos populares, desfile de disfraces, cantos de taberna e o concerto “La edad de oro del pop español”.

Fotos: Mónica G. Bellver

Artigos relacionados

Back to top button