DeportesÚltima hora

Presentación da II Carreira e Andaina Contra o Cancro da Rúa

Esta proba solidaria, prevista para o 29 de maio, terá nesta edición dúas distancias na carreira, unha andaina e categorías menores

at1

Na segunda edición da Carreira e Andaina Contra o Cancro da Rúa, prevista para o 29 de maio, haberá novidades. Esta proba, que promove o Club Atletismo Rúa, vén de presentarse nun acto que contaba coa participación da presidenta da Asociación Española contra o Cancro (AECC) en Valdeorras, Gloria Pérez. Xunto a ela estaban Iván Dosantos (presidente Atletismo Rúa), Laura Carracedo (secretaria), Fernando Navarro (vicepresidente) e Isabel Maria Seco (tesoureira).

Entre as novidades da cita deportiva están o feito de contar con dúas distancias na carreira, unha andaina e categorías menores. Tamén se destaca dende o club rues que hai cambios no percorrido, que “pasará por algunhas das rúas da Rúa, pero tamén por tres dos seus barrios ou parroquias principais como son Fontei, Vilela e A Rúa Vella”.

at2

A primeira das citas será, ás once da mañá, coa andaina popular. Estará aberta a todas as idades e terá un trazado de 5 km. Media hora despois, na liña de saída situaranse os atletas absolutos que poderán realizar dous circuítos: un de 5 km e outro de 10 km. Ademais esta carreira incluirá a competición cadete-xuvenil (5 km).

Unha vez se completen as probas dos maiores, será o turno dos máis novos, xa que haberá tamén competición nas categorías alevín-xuvenil (1.500 m) ás 13h., benxamín e prebenxamín (400 m) ás 13:10h. e chupetín (100 m) ás 13:20h.

Dende o Club Atletismo Rúa lembran que as inscricións continúan abertas ata o xoves 26 de maio e tamén se poden facer o mesmo día da carreira. “Dende a organización animamos a todos a participar porque será unha mañá fantástica e na que se vivirá un gran ambiente festivo”. Tamén se reslta que “todo o recaudado irá destinado á AECC”.

Esta II Carreira e Andaina Popular contra o cancro será organizada polo Club Atletismo Rúa coa colaboración do Concello da Rúa e da Delegación Valdeorresa da Federación Galega de Atletismo.

Fotos cedidas polo Club Atletismo Rúa.

Artigos relacionados

Back to top button