CulturaCulturaÚltima hora

Presentan a terceira publicación de fotos antigas no marco das Xociviga

O libro, editado pola Asociación F. O Potiños, inmortaliza os cambios das xentes do Carballiño dende finais do século XIX até o remate do XX
O alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, cos membros da Asociación Fotográfica O Potitos, editora do libro.
O alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, cos membros da Asociación Fotográfica O Potitos, editora do libro.

Baixo o título “Xentes do Carballiño 180-1990”, saen á luz máis de 200 fotografías antigas que tratan de plasmar a evolución da sociedade da vila dende finais do século XIX ao remate do XX. O libro, editado pola Asociación Fotográfica O Potiños, foi presentado onte no Concello, como a terceira publicación fotográfica das Xociviga 2016.

“Estamos ante un libro que xorde dunha iniciativa da Asociación O Potiños para promover a recuperación de fotografías antigas; aínda que só fose por iso, xa merece o noso recoñecemento”, explicou o alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, no acto. Subliñou así mesmo que “queremos contribuír a conservar e valorizar o noso patrimonio”.

A tirada desta obra é de 500 exemplares. Poderase mercar durante a celebración das Xociviga e na Oficina de Turismo. Por outra banda, tamén se realizará unha escolma con algunhas das fotografías do libro ampliadas e formará parte dunha das mostras destas xornadas de cine que se celebrarán no Carballiño a partires do vindeiro luns.

As Xociviga deste ano renderán tributo ao primeiro filme galego: “Miss Ledyia”, de Xosé Gil. Será cunha proxección programada para o mesmo luns ás 23 h na Praza Maior da localidade ourensá. As actividades e proxeccións filmográficas estenderanse durante toda a semana. En total, proxectaranse 37 películas.

Artigos relacionados

Back to top button