CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

Preséntanse os actos do ano de Carlos Casares

Este autor ourensán será homenaxeado o vindeiro 17 de maio con motivo da celebración do Día das Letras Galegas
Asistentes á presentación do programa de actos dedicados a Carlos Casares como autor homenaxeado nas Letras Galegas deste ano.

Carlos Casares Mouriño representa “a cerna do galeguismo que queremos”, “foi unha persoa íntegra e conciliadora, que entendeu Galicia como proxecto de suma de vontades”. Con estas palabras se refería ao autor ourensán o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, no acto de presentación do avance do programa da Xunta para celebrar as Letras Galegas do 2017.

Este programa inclúe mostras, iniciativas de participación social como roteiros, concursos e homenaxes, edicións conmemorativas, estudos críticos ou traducións, así como unha programación dobre, con orientación divulgativa e académica, actividades de dinamización lingüística nos centros educativos e de promoción e difusión da obra de Casares nas bibliotecas de Galicia.

No caso da programación divulgativa e académica, haberá diversos faladoiros, ciclos de conferencias e xornadas que terán o seu colofón no “Simposio Carlos Casares”. A Real Academia, o Consello da Cultura e a Fundación Carlos Casares, co apoio da Xunta de Galicia, desenvolverán durante o mes de novembro nas cidades de Santiago, Ourense e A Coruña un ciclo de conferencias e de relatorios sobre todos os aspectos salientables da vida e obra de Casares.

Ademais, Casares terá tamén unha oferta plural de iniciativas na Internet que levarán a súa figura á rede, universalizando o acceso e descubrindo novas facetas do persoeiro. Por unha banda, Galiciana −o repositorio dixital da nosa comunidade, dependente da Biblioteca de Galicia e integrado no proxecto comunitario Europeana− prepara un micrositio dedicado a Carlos Casares, para mellorar a difusión dos valiosos fondos bibliográficos en formato dixital de ou sobre Casares, potenciando a súa accesibilidade universal na rede.

Un dos momentos da rolda de prensa.

E por outra desenvolverase o proxecto “As Letras no patrimonio documental”. O Sistema de Arquivos de Galicia custodia un patrimonio escrito de diversas épocas que fai referencia ao Día das Letras e aos seus protagonistas. Para dalo a coñecer, o Arquivo de Galicia realizará unha selección destes documentos que publicará en formato electrónico e que se porá a disposición pública.

Dentro da programación para a Dinamización Lingüística, cómpre destacar dous proxectos para o uso e promoción do galego entre a infancia e a mocidade: “A galiña azul” e “O tren que me leva”. FalaRedes, o programa de dinamización lingüística da Xunta, incorpora en 2017 unha proposta escénica para fomentar o lecer en galego dos máis pequenos, cun espectáculo teatral baseado no libro “A galiña azul”. A función, baixo a dirección de Galaxia, percorrerá 21 concellos da Rede de Dinamización Lingüística ao longo do ano.

Ademais, en colaboración con Renfe porase en marcha un programa de rutas, “O tren que me leva”, que ten entre os seus obxectivos educativos achegarlle o galego á mocidade e dar a coñecer a figura de Casares. Está dirixido a alumnado de 5º e 6º de primaria e de educación secundaria de centros de titularidade autonómica.

Así mesmo, entre as actividades para o ámbito educativo cómpre destacar o “Concurso-Exposición das Letras Galegas 2017”. A Secretaría Xeral de Política Lingüística convocou un concurso aberto aos centros de ensino non universitario galegos para a realización dunha mostra de carteis divulgativos sobre a obra e a época de Carlos Casares.

As propostas gañadoras para primaria e secundaria, acompañadas das correspondentes unidades didácticas, serán editadas e distribuídas en máis de 1.600 puntos de Galicia e do exterior, entre centros educativos, bibliotecas e casas da cultura, centros galegos da emigración etc.

Ademais do conselleiro de Cultura e Educación, participaron na rolda de prensa o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero; o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares Paz; o presidente da Fundación Carlos Casares, Xavier Casares Mouriño; a directora da Televisión de Galicia, Rosa María Vilas Núñez; o director do Centro PEN Galicia, Luís González Tosar; o director xeral de Galaxia, Francisco Castro Veloso; o deputado provincial de Cultura da Deputación de Ourense, Manuel Doval Soto; a concelleira de Educación, Cultura, e Comercio do Concello de Ourense, Belén Iglesias Cortés; e o concelleiro de Turismo de Xinzo de Limia, Carlos Gómez. Igualmente, estiveron presentes Anxo Lorenzo e Valentín García, secretarios xerais de Cultura e Política Lingüística, respectivamente.

Artigos relacionados

Back to top button